Share
10/09/2026 - 20:30h | Filmoteca de Galicia | A Coruña

Miñuca e Fernando Villaverde; obra seleccionada

  • Fernando Villaverde, Miñuca Villaverde, 1963-1981

Miñuca e Fernando Villaverde; obra seleccionada
Fóra de serie

PRESENTACIÓN DA REVISTA 'FANTASMA MATERIAL', SEGUIDA DE PROXECCIÓN.

 

Esta sesión propón un percorrido por distintas etapas da obra cinematográfica de Miñuca e Fernando Villaverde: a Cuba revolucionaria de principios dos ’60, a escena underground neoiorquina da década dos ’70 e a exploración documental da diáspora cubana en Miami a inicios dos ’80. O tránsito do cine institucional a unha práctica radicalmente independente, realizada en 16 mm e con recursos mínimos, dá conta da constante reinvención das formas cinematográficas e dos modos de produción que caracterizou a traxectoria da parella. Os Villaverde permaneceron nas marxes dos movementos culturais que habitaron. As súas películas cubanas foron censuradas ou apenas exhibidas, mentres que a súa obra estadounidense comezouse a descubrir recentemente grazas ás restauracións realizadas pola Filmoteca de Catalunya. A través destes filmes mantense unha atención constante cara a vidas situadas nos bordos de estruturas sociais dominantes: os anciáns que deambulan por El Parque (1963); as mulleres enfrontadas aos roles domésticos e a violencia de xénero en Blanca Putica. A Girl in Love (1974) e Poor Cinderella, Still Ironing Her Husband Shirt (1978); e os exiliados cubanos retratados en Tent City (1981). O resultado é unha obra que se resiste aos grandes relatos históricos en favor das experiencias fráxiles e cotiás daqueles espoliados no seu nome. (José Luis Aparicio Ferrera)

 

Obras proxectadas:

- El Parque (Fernando Villaverde, 1963) 25 min.

- Blanca Putica. A Girl in Love (Miñuca Villaverde, 1974) 15 min.

- Poor Cinderella, Still Ironing Her Husband Shirt (Miñuca Villaverde, 1978) 7 min.

- Tent City (Miñuca Villaverde, 1981) 30 min.