Mala vida e pior morte de Ricardo III
Espectáculo teatral a cargo de Evaristo Calvo

“Mala vida e pior morte do rei Ricardo III, mais non a glosada polo aclamado poeta William Shakespeare” é un espectáculo unipersoal con Evaristo Calvo no que a través dun monólogo dirixido á audiencia o personaxe do difunto rei Ricardo III de Inglaterra, argumenta en contra do relato dos derradeiros anos da súa vida que Shakespeare deixou trazado no drama “A vida e a morte do rei Ricardo III”.
Non se trata pois da personaxe protagónica deste coñecido drama, senon dun outro recreado polo seu intérprete que parece querer facer xustiza á súa memoria, descubrindo a manipulación do público a través dun discurso que, rañando un pouco nel, toma maneiras de propaganda. A maldade psicopática do retrato que o dramaturgo pinta sobre a persoa do derradeiro rei da dinastía Plantagenet, parécelle ao protagonista un compendio de inxurias. Vemos a un Ricardo doído pola manipulación da súa historia por parte de tan senlleiro dramaturgo.