D'Est + Coloquio con Claire Atherton
Chantal Akerman, 1993
Desde finais do verán ata o inverno máis cru, Chantal Akerman percorre o leste, da Alemaña oriental a Moscova pasando por Polonia e os países bálticos. Pouco despois da desaparición do bloco soviético, Akerman filma “todo o que se transforma lentamente durante a viaxe: os rostros e as paisaxes. […] Todos eses países en plena mutación que viviron unha historia común despois da guerra, aínda marcados por esta historia ata os sucos mesmos da terra, e cuxos camiños agora diverxen. Gustaríame rexistrar os sons desta terra, que se oia o paso dunha lingua a outra coas súas diferenzas e as súas similitudes”.
Tras a proxección de D'Est, falaremos con Claire Atherton, montadora da película, estreita colaboradora de Chantal Akerman desde aquela e creadora de varias exposicións dedicadas á cineasta. Conversaremos sobre a súa concepción da montaxe e sobre os procesos de creación que compartiu con Akerman durante máis de vinte anos, a propósito dos que comentaba: “Chantal ten unha relación coa creación que é, ao tempo, extremadamente precisa e moi libre. Con ela aprendín a escoitar, a deixarme levar pola película que se estaba facendo, a comprender as cousas a medida que avanzaban. […] Ela non fala do que quere facer, nunca pecha as cousas. […] Organizamos, buscamos tensións, traballamos coas probas: a cor, a luz, o son, o choque dun raccord. A trama narrativa vén da materia. O sentido revélase ao mesmo tempo que se constrúe a película. […] Cando Chantal sentiu a necesidade de ir filmar ao leste, non era consciente do que buscaba. Pero a materia das imaxes que filmou interpelábanme. Púxenme a escoitar esta materia, sentín que a estaba esculpindo, modelándoa. Conforme traballabamos íanse desprendendo sensacións que interpelaban a outras sensacións. O medo, o frío, a espera, os rostros formaban un eco con outros rostros, outras esperas, outros medos".