Crisálida
Caramuxo Teatro

Crisálida é o espectáculo número 25 de Caramuxo Teatro, co que a compañía cumpre ademais 20 anos de traxectoria. Unha historia que leva varios anos na súa cabeza e coa que queren facer a súa pequena homenaxe a esas persoas que fan que as cidades teñan vida e sexan ricas en historias.
Crisálida é un espectáculo que quere poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. A importancia da existencia deses espazos que crean comunidade. Historias como as da mercería Crisálida amósannos que este tipo de negocios, máis baseados nas relacións humanas que no beneficio económico, deben ser protexidos como parte do noso patrimonio.
Crisálida é o espectáculo máis ambicioso da compañía. Unha montaxe de máscaras, sen texto, con catro actores (Laura Sarasola, Josito Porto, Juan Rodríguez e Anahí Taraburelli) e máis de 12 personaxes. Dirixido pola prestixiosa Olga Margallo, gañadora de multitude de premios (Fetén, Max, Premio Nacional con Uroc Teatro...)