Clásicas desfeitas: Medea–Mamá–Monstro
De Laura Porto e Helena Varela, en coprodución co Centro Dramático Galego

Nunha experiencia escénica que mestura o falso documental co freak show, Laura Porto e Helena Varela reúnen as pezas sobre Medea que deixaron Eurípides, a poeta Chantal Maillard e a novela de Christa Wolf para tratar de dilucidar quen foi realmente a muller baixo o mito. Teremos tamén a oportunidade de escoitar o que dela contan veciñas e familiares, desde o seu ex-marido, Xasón, ata os seus avós e os seus fillos.
Á vez, xogando a ser doutoras Frankenstein, as dúas artistas intentarán devolvela á vida nun híbrido robótico con forma de paxaro, salvaxe, belo e violento como a personaxe mitolóxica. E buscarán implicar ao público na imposible decisión sobre o destino da súa creación, esta nova Medea. Un artificio que agocha unha revelación.
Medea–Mamá–Monstro configura o volume 13 do ciclo Clásicas desfeitas, coproducido polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura. A obra é unha peza itinerante por diferentes espazos do complexo do Gaiás, con punto de partida no Espazo REGA 1 anexo ao Museo Centro Gaiás.
Clásicas desfeitas é un ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego coa Cidade da Cultura de Galicia para redescubrir os clásicos a través das linguaxes da escena contemporánea. O ciclo encádrase no programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).