Caamaño&Ameixeiras
Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman Caamaño&Ameixeiras, un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz. Desde o seu nacemento, en 2018, este dúo conta cunha intensa traxectoria, tanto a nivel nacional como internacional. Tomando como punto de partida a tradición, o dúo consegue crear unha linguaxe propia e única, con composicións e arranxos persoais e vivos que manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos e situando a emoción en primeiro plano.
Logo do éxito colleitado no seu primeiro traballo discográfico, Aire! (Segell Microscopi, 2021) (Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de Folk, 1º Premio no Folkez Blai 2021 (Ermua, País Vasco), Premio Opinión da Música de Raíz ao disco do ano 2021), producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz e con colaboracións tan destacadas como a de Sílvia Pérez Cruz ou Fetén Fetén, o dúo lanza en outubro de 2023 o seu segundo álbum.
En Quitar o aire (Raso Estudio, 2023), con Hevi (Malandrómeda) aos mandos da produción, Caamaño&Ameixeiras resignifican e actualizan os códigos da música de raíz, dando un volantazo ao seu son, elevando a mística e a profundidade e levando a sonoridade da tradición galega e ibérica á virulencia de planos más frontais e de músicas que saen das marxes dos xéneros.