Almas na gloria: Don Paco
Espectáculo de Avelaíña Teatro dentro do XXII Festival de Teatro Agustín Magán

Cumpridos trece anos do seu pasamento, a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras galegas do ano 2023 a quen fora o creador desa efeméride, D. Francisco Fernández del Riego. Os amigos de D. Paco: Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Enrique Peinador, Fermín Penzol e Manuel G. Román acompañan a D. Paco na súa apoteose de elevación ao retablo dos Galegos Ilustres. No encontro rememoran: a súa mocidade universitaria no Seminario de Estudos Galegos, nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista; o drama do golpe de Estado;e o liderado de D. Paco na galeguización da Real Academia Galega e na creación de institucións tan importantes como a Editorial Galaxia, o Día das Letras Galegas e a Casa Galega da Cultura, ademaos da recuperación de Álvaro Cunqueiro para a literatura galega. Feitos polos que é solemnemente laureado. O texto foi escrito por Manolo Ayán como relato de memoria histórica no que se representan escenas de relevancia entre os anos 30 e os 70 do século XX.
O espectáculo está dirixido por Antonio Simón, quen realiza unha proposta visual cos oito intérpretes movéndose nun escenario onírico de cemiterio, onde sombras e personaxes se mesturan.
Organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), o Festival Agustín Magán nace no ano 2001 co propósito de promover as mellores montaxes teatrais dos grupos afeccionados federados. As obras que participan cada ano, en total 6, son seleccionadas por un xurado e representan as propostas máis interesantes dos grupos federados das catro provincias galegas.