Taller Le Group Ouest: 'Impulsa as túas ideas cinematográficas con LIM² (Less is More)' na Bretaña: inscricións ata o 2 de xullo
A Xunta de Galicia, a Rexión da Bretaña e LIM² | Less is More (Le Groupe Ouest) únense para ofrecer unha experiencia única de creación e intercambio profesional entre Galicia e Bretaña. Do 19 ao 23 de outubro de 2026, un máximo de 12 participantes (seis de Galicia e seis da Bretaña) terán a oportunidade de formar parte en Brest (Francia) dun taller intensivo centrado no momento máis delicado e apaixonante do cinema: o nacemento das ideas.
Un espazo para explorar antes de escribir
O obradoiro LIM² Boosting Ideas está pensado para persoas dedicadas ao guión, á dirección e á produción creativa que queiran afondar na emoción, na estrutura e no potencial narrativo das súas historias antes de iniciar a escritura. A través de metodoloxías innovadoras desenvolvidas por Le Groupe Ouest ao longo de máis de 20 anos de investigación e experimentación en toda Europa, descubriranse ferramentas de preescritura capaces de fortalecer o significado e a forza das propostas audiovisuais.
Un encontro de talentos e novas colaboracións
O taller fomentará o intercambio entre profesionais de distintos ámbitos creativos, xerando novas dinámicas de colaboración internacional. A actividade tamén está aberta a perfís procedentes do teatro, o documental e as artes visuais. Para garantir unha experiencia enriquecedora, evitarase seleccionar equipos creativos que xa traballen xuntos habitualmente.
Que debes presentar?
Guionistas e directores/as: unha idea ou proxecto en fase inicial para longametraxe de ficción. Valorarase especialmente o potencial creativo e exploratorio da proposta.
Produtores/as creativos/as: candidatura sen proxecto asociado.
Un trampolín cara ao programa anual de LIM²
Este taller tamén pode converterse nunha porta de entrada ao prestixioso programa anual de LIM² | Less is More, referente europeo no acompañamento ao desenvolvemento cinematográfico.
A actividade é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e Le Groupe Ouest. Os/as profesionais galegos/as participantes terán cuberto o desprazamento a Brest (Francia), así como o aloxamento e manutención durante a celebración do taller.
O prazo para solicitar a participación no LIM² Boosting Ideas remata o 2 de xullo de 2026.
O idioma de traballo será o inglés.
Formulario de inscrición:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeQrgGcBHBX2YXwcM5JVp6H3k-cBuves8u3fX4o0nHTpKnkBg/viewform
Acceso ao espazo web do programa:
https://www.legroupeouest.com/en/news/boosting-ideas-workshop/