PALCO. Galicia conecta a industria musical: aberta ata o 31 de xullo a convocatoria para a programación artística

PALCO é o primeiro gran encontro galego da industria musical, que se celebrará do 3 ao 5 de novembro en Santiago de Compostela.
Trátase dun proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Empresas Musicais e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector musical. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do Plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.
Así, a súa estrutura e os seus contidos derívanse da colaboración entre entidades, profesionais e axentes do ecosistema musical galego, que participan de forma activa na definición e no desenvolvemento da iniciativa. A través desta metodoloxía de traballo compartido, PALCO materializa unha visión colectiva do sector e aspira a consolidarse como un espazo de encontro, intercambio e impulso capaz de fortalecer os vínculos profesionais, xerar novas oportunidades e contribuír ao desenvolvemento dunha industria musical galega máis conectada e articulada e con maior capacidade de proxección.
A primeira convocatoria pública lanzada desde PALCO está aberta do 1 ao 31 de xullo de 2026 e diríxese á selección de proxectos para configuar a súa programación artística.