FOCO GALICIA DANZA na 33ª Quinzena de Dança de Almada: compañías seleccionadas
Publícase a relación das catro compañías seleccionadas para participar no FOCO GALICIA DANZA da 33ª Quinzena de Dança de Almada-International Dance Festival, que terá lugar do 2 ao 5 de outubro de 2025 no marco do evento que se celebra nesa localidade portuguesa:
- Andrea Castro – Lola y los lamentos
- iXa – Ollos cara dentro
- La Guajira – Minguantes
- Fran Sieira Compañía de Danza – Coreografías dun DeMente
Unha comisión mixta integrada por representantes da Quinzena de Almada e do Colectivo Glovo, co que a Axencia Galega das Industrias Culturais coordina o programa Foco Galicia Danza, encargouse de realizar esta escolma a partir da convocatoria publicada o pasado 15 de xullo.
O seu obxectivo á hora de valorar os proxectos presentados foi ofrecer unha mostra diversa e representativa da danza galega actual. Neste sentido, escolléronse compañías de distintas xeracións, traxectorias e perfís artísticos. Ademais, os espectáculos seleccionados reflicten unha notable variedade de linguaxes e formatos escénicos, o que permitirá amosar un panorama amplo e plural no marco do festival luso, un dos certames europeos de referencia no ámbito da danza contemporánea.
O Foco Galicia Danza nace como unha iniciativa da Xunta de Galicia para impulsar a proxección interior e exterior da danza producida no país. Consiste en ofrecer un programa de actividades en eventos estratéxicos para o sector que cree pontes con outros territorios e contextos.