FOCO GALICIA DANZA na 34ª Quinzena de Dança de Almada: compañías seleccionadas
Publícase a relación das catro compañías seleccionadas para participar no FOCO GALICIA DANZA da 34ª Quinzena de Dança de Almada-International Dance Festival, que terá lugar do 1 ao 4 de outubro de 2026 no marco do evento que se celebra nesa localidade portuguesa:
- Colectivo DeXeito – [En Blanco]
- Corpo Liminal - Ábrego
- Julia Laport - Extender como si pudiera
- Nova Galega de Danza - CREDO
Unha comisión mixta integrada por representantes da Quinzena de Almada e da compañía galega Colectivo Glovo, coa que a Axencia Galega das Industrias Culturais coordina o programa Foco Galicia Danza, encargouse de realizar esta selección a partir da convocatoria publicada o pasado 12 de maio.
Os espectáculos seleccionados reflicten unha notable variedade de linguaxes e formatos escénicos, o que permitirá amosar un panorama amplo e plural no marco do festival luso, un dos certames europeos de referencia no ámbito da danza contemporánea.
O Foco Galicia Danza nace como unha iniciativa da Xunta de Galicia para impulsar a proxección interior e exterior da danza producida no país. Consiste en ofrecer un programa de actividades en eventos estratéxicos para o sector que cree pontes con outros territorios e contextos.