Cultura no Camiño: inscrición de espectáculos
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pon en marcha unha nova edición do programa Cultura no Camiño, circuíto escénico e musical aberto aos concellos polos que discorren as rutas xacobeas en Galicia e que este ano 2024 se desenvolverá do 15 de xuño ao 31 de agosto.
Para a configuración do catálogo de espectáculos e concertos deste ano, a Axencia Galega das Industrias Culturais abre un prazo do 14 ao 29 de febreiro para que todas as compañías escénicas e grupos musicais interesados poidan ofertar as súas propostas a través da web www.galescena.gal.
Poderán inscribirse espectáculos de teatro, danza, narración oral, circo, maxia e concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións culturais e restantes entidades sen fins de lucro.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro luns 19 de febreiro as bases da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para os concellos do Camiño de Santiago interesados en programar actuacións de artes escénicas e musicais ao abeiro deste circuíto autonómico.