Share

Films from Galicia 2025: recepción de materiais ata o 23 de decembro

A Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia está a actualizar o vídeo e o catálogo FILMS FROM GALICIA de producións e empresas audiovisuais galegas que se difundirá nos mercados internacionais do sector durante 2026.

As produtoras interesadas en incluír as súas obras e proxectos nesta nova edición, teñen de prazo ata o 23 de decembro  para achegar datos e materiais do xeito que segue:

  • INFORMACIÓN DE PRODUCIÓNS E EMPRESAS, a través deste FORMULARIO.  Prégase que a información sexa clara e utilice linguaxe comercial. Ademais, ponse a disposición do sector un servizo de tradución ao inglés, polo que a información pode ser enviada no idioma orixinal. 
  • IMAXES REPRESENTATIVAS do proxecto ou da obra rematada (o propio formulario permite achegar un enlace para a súa descarga):
    • Cartel (en inglés) ou, no seu defecto, fotograma atractivo en calidade apta para impresión (tamaño mínimo 10 x 15 cm, 300 ppp)
    • Outras imaxes representativas, de ser o caso (300 ppp)
    • Varias fotos da rodaxe, de ser o caso (300 ppp)
  • TEASER, TRÁILER OU, NO SEU DEFECTO, CORTES DE VÍDEO, segundo proceda, con variedade de planos, a ser posible abertos, xunto co contrasinal de ser preciso. Agradécese achegar cortes con son para poder extraer algunhas frases que lle poidan dar máis forza á mensaxe comercial do clip (o propio formulario permite achegar un enlace para a súa descarga).

IMPORTANTE:

  • No caso dos proxectos que conten con subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais, as convocatorias recollen a obriga de facilitar copias da documentación empregada na realización, promoción e difusión da obra (carteis, fotografías, músicas, portadas, trailers e outros materiais) para actividades de promoción do audiovisual galego.
  • No caso das longametraxes cinematográficas rematadas, incluiranse unicamente películas que tiveran a súa presentación pública a partir do 1 de xaneiro de 2025.
  • No caso de producións para televisión e/ou plataformas, non se incluirán aquelas obras xa emitidas durante o ano 2025.
  • Aquelas obras en fase avanzada de posprodución incluiranse como rematadas en 2026 coa finalidade de dar unha imaxe o máis actualizada posible, sempre que se poida garantir a presentación durante ese ano.
  • Non se admitirán proxectos en desenvolvemento que xa estiveran en dúas edicións anteriores se non houbera evolución neles.
  • No caso de series de ficción e animación para TV, só se admitirán primeiras e segundas temporadas.
  • É necesario cubrir un formulario por cada produción. Se a información non presenta cambios relevantes respecto á edición anterior, pódese enviar un correo a filmsfromgalicia [at] gmail.com indicando unicamente as modificacións realizadas sobre a edición anterior do catálogo.
  • A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá decidir a inclusión das obras enviadas, sempre tendo en conta a finalidade e as necesidades deste catálogo, co obxectivo de manter unha selección coherente e axeitada.

VÍDEO PROMOCIONAL PARA GALICIA FILM COMMISSION

Ao tempo, a Axencia Galega das Industrias Culturais ten previsto realizar ao longo de 2026 un vídeo para promover a nosa Comunidade como territorio de rodaxe no marco da Galicia Film Commission. Con tal fin, as produtoras poden enviar ao mail filmsfromgalicia [at] gmail.com cortes de vídeo, con especial interese en clips de rodaxe con variedade de planos, preferiblemente abertos, así como o contrasinal no caso de ser necesario.

Agradecerase especialmente o envio de obras que inclúan imaxes de espazos naturais, contornas ou edificios representativos. Neste caso, non é preciso que o material pertenza a producións recentes.