Share

A Xunta volve apostar polos Premios Martín Códax da Música como reflexo do dinamismo do sector en Galicia

A asociación Músicas ao Vivo presentou hoxe a convocatoria da sexta edición dos galardóns que organiza, para a que abre o prazo de inscrición de propostas ata o 17 de marzo

A gala de entrega, que terá lugar o 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, será conducida polo dúo Aldaolado e dirixida por Quico Cadaval

A Xunta volve apostar polos Premios Martín Códax da Música como reflexo do dinamismo do sector en Galicia

A asociación Músicas ao Vivo presentou hoxe a convocatoria da sexta edición do seus Premios Martín Códax da Música, para a que volven contar coa contribución económica da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Anunciou, ademais, a apertura ata o 17 de marzo do prazo de inscrición de propostas para optar a estes galardóns, que se entregarán o 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación, que tivo lugar na Sala Riquela de Santiago, xunto a Xabier Mera, voceiro de Músicas ao Vivo; María Garrido, directora de Márketing de Bodegas Martín Códax; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, e Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.
 
Traballo colectivo
Sutil fixo fincapé no apoio claro da Consellería de Cultura e Turismo a estes premios polo seu valor como plataforma de difusión da nosa música. Destacou que a continuidade e a relevancia dos Martín Códax se desenvolve en paralelo á crecente dinámica de servizo e de conciencia colectiva que está a acadar a asociación que os promove e organiza, Músicas ao Vivo, “á que lle hai que recoñecer pasos e accións moi importantes na tarefa conxunta de ordenación e dinamización profesional do sector”, declarou. Neste sentido, explicou que para a Administración autonómica é importante contar coa opinión das asociacións profesionais á hora de abrir procesos participativos cara ao deseño de novas medidas e programas que atinxen aos diferentes ámbitos culturais.
 
Lembrou que a Agadic colabora con estes premios, do mesmo xeito que o fai cos María Casares para o sector teatral e cos Mestre Mateo para o audiovisual, desde o convencemento de que este tipo de convocatorias serven de estímulo e proxección das carreiras individuais e dos proxectos empresariais , ademais de “consolidar o seu papel como un dos principais motores das nosas industrias culturais”.
 
Este ano volven convocarse 15 categorías musicais e tres premios Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación. Tanto estes recoñecementos como o premio honorífico deste ano entregaranse o 8 de maio no transcurso da gala que será conducida polo dúo Aldaolado, integrado  por maría lado e Lucía Aldao, baixo a dirección de Quico Cadaval.
 
Inscricións no web e nos censos
Como novidade este ano, as candidaturas poderán inscribirse nalgún dos dous censos musicais que a asociación ten operativos na Coruña e Santiago, ademais de no web www.premiosmartincodaxdamusica.com. Así, os proxectos musicais con base profesional nestas dúas cidades e nas súas respectivas comarcas, poderán achegar as súas propostas a través dunha destas vías. Músicas ao Vivo puxo en marcha estes censos co obxectivo de visibilizar e fortalecer o talento musical nas escenas locais, creando un portal onde estean listados todos os proxectos musicais dun territorio e que poida servir como ferramenta de programación cultural.
 
Tras este proceso de inscrición, abrirase unha primeira rolda de votacións na que os socios de Músicas ao Vivo elixirán os tres finalistas en cada apartado. A continuación, un xurado profesional decidirá quen dos finalistas recibirá os ‘Melómanos’, as estatuíñas de madeira creadas polo escultor Víctor Lorenzo como figuras oficiais dos Martín Códax.
 
Os gañadores sumaranse aos 75 premios musicais e 12 Organistrum concedidos nas cinco edicións anteriores. Como explicou a asociación, nestes anos de traxectoria o certame leva visibilizados 2223 proxectos, dos que 2005 foron musicais e 218 vinculados á industria (60 salas, 89 festivais e 69 espazos de comunicación).