A nova edición do catálogo da Xunta 'Films from Galicia' recolle información sobre 43 títulos para a súa difusión internacional
Editado en inglés e acompañado dun vídeo promocional, distribuirase entre os asistentes aos principais mercados audiovisuais a nivel mundial
Recolle a meirande parte da recente produción audiovisual galega e dos proxectos actualmente en desenvolvemento, con datos facilitados polas propias produtoras a partir dunha convocatoria aberta a todo o sector
As coproducións internacionais e a consolidación no ámbito da realización de novos nomes do noso cinema destacan na publicación deste ano, na que máis dun 70% dos filmes e series contan con subvención autonómica a través da Agadic
A Xunta está a iniciar a distribución dunha nova edición do seu catálogo Films from Galicia, que este ano recolle 43 producións e proxectos de cinema e televisión para a súa difusión entre os asistentes aos principais mercados do sector a nivel mundial. Publicada en inglés e acompañado dun vídeo promocional, esta recompilación ten como obxectivo dar conta da vitalidade do sector en Galicia, dirixíndose especialmente a axentes de vendas e empresas produtoras e distribuidoras de ámbito internacional.
De feito, os 43 títulos dos que se ofrece información supoñen a meirande parte da recente produción audiovisual galega e dos proxectos de filmes cinematográficos e series televisivas que se atopan actualmente en fase de desenvolvemento. Para isto, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) obtivo os datos directamente das produtoras a partir dunha convocatoria aberta a todo o sector dentro do seu programa anual de internacionalización do audiovisual galego.
O catálogo estrutúrase en catro grandes seccións, cada unha delas dividida entre producións rematadas e proxectos en desenvolvemento: Pics recolle 17 longametraxes de ficción; Docs, 11 documentais; Toons, seis títulos de animación; e TV, nove series televisivas. As fichas de cada un destes traballos ofrecen datos do equipo, das historias e os contactos internacionais, así como os principais apoios recibidos polos proxectos.
Financiamento autonómico
Da información aquí recollida, extráese tamén que máis dun 70% destes títulos contaron para a súa produción e/ou desenvolvemento con financiación da Xunta a través da convocatoria anual de subvencións da Agadic ao sector audiovisual galego.
Films from Galicia 2019 vén constatar, así mesmo, a chegada a bo termo da maioría traballos que na anterior edición se atopaban aínda na categoría de proxectos e agora, xa finalizados, buscan xa compradores internacionais para a súa distribución. As coproducións internacionais e a chegada ou a consolidación no ámbito da realización de longametraxes de nomes como Xacio Baño (Trote), Pedro C. Alonso (Feedback), Jaoine Camborda (Arima), Paula Cons (El Santa Isabel), Dani de la Torre (La sombra de la ley), Eloy Enciso (Longa noite), Helena Girón (Eles transportan a morte), Alberto Gracia (La estrella errante), David Hernández (La felicidad de los perros), Oliver Laxe (Aquilo que arde), Lois Patiño (Tempo vertical) ou Diana Toucedo (Trinta lumes) son outros dos elementos sobresaíntes do volume deste ano.
O catálogo comezou a súa difusión na recente edición do European Film Market da Berlinale e será distribuído tamén entre os profesionais asistentes aos mercados internacionais para os que se organice misión comercial e institucional galega.
A visión do sector audiovisual galego que ofrece Films from Galicia complétase co catálogo Shorts from Galicia, cuxa nova entrega comezou a distribuírse este mes no encontro francés de Clermont-Ferrand. A publicación, dirixida prioritariamente aos programadores dos festivais especializados en curtametraxes, inclúe información e o acceso profesional á visualización dos últimos traballos dos seis realizadores seleccionados en 2019: Brian Rodríguez, Daniel Viqueira, Khris Cembe, Sandra Sánchez, Martín Romero e Judith Adataberna.
-Catálogo en liña
-Vídeo promocional