Share

A Xunta reforza a súa aposta pola marca FEST Galicia que suma 12 eventos baixo o lema 'Festivais que fan camiño'

Representantes das consellerías de Cultura e Turismo, Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Política Social, encabezados polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaron hoxe a segunda edición deste plan transversal da Administración autonómica, que se desenvolverá nunha ducia de citas estivais para promover o turismo musical sustentable en estreita relación co Xacobeo 21

O titular de Cultura falou da importancia dos festivais “para a promoción do turismo musical” e incidiu no seu traballo en prol da calidade, sostibilidade e responsabilidade social

Cantos na Maré e Caudal Fest súmanse desta volta a PortAmérica, Resurrection Fest, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Sinsal, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival, presentes xa na primeira edición desta iniciativa

A Xunta reforza a súa aposta pola marca FEST Galicia que suma 12 eventos baixo o lema 'Festivais que fan camiño'
O calendario FEST Galicia 2019 desenvolverase entre os meses de xullo e setembro nos 12 festivais adheridos á segunda temporada desta iniciativa da Xunta, que este ano se vincula estreitamente ao Xacobeo 21 baixo o lema Festivais que fan camiño. Refórzase así a aposta por esta marca, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con outros departamentos autonómicos, como vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
Nesta idea incidiu o conselleiro Román Rodríguez durante a presentación desta segunda edición, á que se incorporan Cantos na Maré de Pontevedra e Caudal Fest de Lugo xunto aos 10 eventos que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. En todos eles, a Xunta organizará novas campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude, que terán o seu epicentro nun renovado stand da marca, ao tempo que avanzará na medición do impacto económico e social dos festivais.
 
Plan transversal
Estas accións foron detalladas polo conselleiro de Cultura e Turismo e polas responsables do resto dos departamentos implicados de xeito transversal en FEST Galicia: Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático; e Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Asistiron, así mesmo, os representantes dos festivais adheridos á marca, en nome dos que interviron Kin Martínez, director de PortAmérica, e Luis Campos, codirector de Sinsal.
 
Para o acto, que se celebrou este mediodía na Cidade da Cultura de Galicia, contouse tamén coa achega musical de Los Jinetes del Trópico, banda galega que este verán actuará no Atlantic Fest e no Revenidas como un dos grupos gañadores do concurso Sonidos Mans que organiza a Fundación Paideia Galiza en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturias (Agadic).

 
Tras facer un balance moi positivo da primeira edición de FEST Galicia, cunha ampla e moi participativa resposta do público dos festivais ás diferentes accións impulsadas, Román Rodríguez asegurou que as 12 citas asociadas este ano son moi diferentes en canto a formatos e propostas musicais, “pero todas teñen en común a aposta pola calidade, a singularidade e a sustentabilidade, que son á súa vez tres das claves da marca”.
 
A través dela, os festivais obteñen un apoio económico adicional ás subvencións específicas que o Goberno galego convoca cada ano para eles. En concreto, como explicou o conselleiro, este ano a convocatoria de adhesión a Fest Galicia dotouse con 350.000 euros para contratos de patrocinio coas empresas organizadoras dos eventos.
 
Sensibilización contra a violencia sexual
Nesta contía inclúese a achega da Secretaría Xeral da Igualdade para as accións relacionadas coa difusión da súa campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual, á que fixo referencia Susana López Abella. Trátase de facer chegar as persoas asistentes aos festivais galegos material informativo de sensibilización e concienciación contra a violencia sexual e as agresións sexuais. López Abella quixo lembrar a o utilidade da aplicación Agresión OFF, unha ferramenta institucional, da Xunta de Galicia, con información útil e consellos para evitar e prever agresións sexuais, así como pautas para saber a onde dirixirse para maior apoio e información.
 
Recuperación e reciclaxe de residuos
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, salientou que o departamento de Medio Ambiente non se pode quedar á marxe deste tipo de eventos e apoia as medidas para a recuperación e a reciclaxe de residuos vinculados aos grandes eventos, en particular, aos festivais. Así, en colaboración coas entidades responsables da xestión de residuos, instálanse contedores para a separación dos residuos e desenvólvense actividades de concienciación.
 
Información para a mocidade
Respecto ás accións especialmente dirixidas á xuventude, Cristina Pichel explicou que se realizará unha actividade lúdico-formativa a través dunha ruleta con preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas. A medida que os participantes vaian acertando preguntas conseguirán diferentes premios como pulseiras, camisetas ou bolsas de tela. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil será o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os diferentes programas para a mocidade da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 
O galego volve crear ambiente
A Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsará a campaña O galego crea ambiente, que ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega nos festivais do verán apoiados desde a Xunta de Galicia, no marco das accións de desenvolvemento do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo
 
O obxectivo desta campaña que tamén estará presente na internet é, por unha banda, crear consciencia do necesario que é que a xente nova se implique en causas xustas e, dalgún xeito, relacionadas entre si, como o coidado do medio e o uso da lingua galega e, por outra, animar a mozos e mozas a participar nun divertido concurso arredor da lingua galega no que poderán facerse con camisolas, gorras, bolsos etc. e optar a gañar unha bicicleta eléctrica ao remate da tempada de festivais.
 
No apartado das industrias culturais, este ano avanzarase na realización de estudos de medición do impacto económico e social dos festivais, que arrancou en 2018 cos informes sobre PortAmérica, Resurrection, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas promovidos pola Agadic en colaboración coa Universidade de Santiago. Desta volta, analizarase a repercusión de Atlantic Fest, Vive Nigrán, 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz, WOS Festival e Caudal Fest, comezando coa recollida de datos a través de enquisas directas aos asistentes a estas citas.

-FEST Galicia