A Xunta promove preto de 200 concertos nas 20 salas da Rede Galega de Música ao Vivo
A programación de 2019 esténdese de xuño a decembro e conta cun orzamento de máis de 170.000 euros, asumido nun 90% pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic
Igloo tocará mañá, Día Europeo da Música, na Bianco Sama de Vilagarcía como parte da oferta que acollen locais de 14 localidades
A Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Xunta en colaboración con 20 salas de 14 localidades, achégalle ao público unha oferta de 199 concertos de 54 solistas e grupos, maioritariamente galegos. A programación, que arrancou a mediados deste mes de xuño e se estenderá ata decembro, conta cun orzamento de máis de 170.000 euros, dos que un 90% é asumido pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10% restante corre a cargo dos locais asociados.
A Administración autonómica mantén, así, a súa aposta por este circuíto de música, tras a renovación acometida o ano pasado ao aumentar nun 105% o investimento destinado á contratación de grupos e ao introducir unha serie de cambios consensuados coas principais asociacións do sector para reforzar os estándares de profesionalidade das salas galegas de música en directo.
Ademais, a súa actividade anual súmase á dos outros tres circuítos de espectáculos que xestiona a Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) no sentido de favorecer a circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos en Galicia, ademais de lle achegar á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural e aberta.
Música nas catro provincias
En concreto, a programación de 2019 da Rede Galega de Música ao Vivo desprégase en vinte salas de 14 concellos, que suman unha capacidade total para máis de 3.000 persoas: BâBâ Bar, Café-Concerto Jazz Filloa e Sala Garufa Club na Coruña, A Pousada das Ánimas en Boiro, SalaSon en Cangas, Sala Super8 en Ferrol, A Ventana en Laxe, Club Clavicémbalo en Lugo, A Fundación e Pub Gatos en Melide, Var con Uve en Moaña, Sala Baranda no Barco de Valdeorras, Náutico no Grove, Borriquita de Belém, Casa das Crechas e Moon Music Club en Santiago de Compostela, La Fábrica de Chocolate Club e La Pecera en Vigo, Sala Bianco Sama en Vilagarcía de Arousa e Arca da Noe en Vilar de Santos.
Os carteis ofrecidos por estes locais no marco da Rede Galega de Música ao Vivo reflicten unha gran variedade de estilos, que van do rock e pop ao jazz, pasando pola canción de autor, o folk ou o punk, entre outros. Desta volta, a programación concédelle todo o protagonismo ás bandas e intérpretes galegos, que ocupan a carteleira xunto a Anarchicks, trío feminino portugués de punk-rock.
Oito actuacións en xuño
Maneiro, o proxecto musical en solitario do cantante de Herdeiros da Crus, foi o encargado de abrir esta nova xeira do circuíto o pasado día 15 na Sala Super8 de Ferrol. A programación continuará mañá, Día Europeo da Música, con Igloo (na imaxe) na Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa, o sábado 22 coa Bakin Blues Band no Náutico do Grove e con Tregua na Super8 ferrolá, onde o domingo 23 actuará N.E.O.
Xa a semana que vén e para rematar xuño, será a quenda de Lesuit na Bianco Sama (día 27), Dakidarría na Súper8 (día 28) e Maneiro no Náutico (día 29).