Share

A Xunta promove a creación escénica galega con dúas novas residencias na Cidade da Cultura

A primeira delas, ‘DescArtes’, busca que a audiencia se integre nos procesos creativos e que coñeza o camiño desde o texto dramático ata a representación final

Contará con tres proxectos participantes nos que se combinan o talento novo do certame Xuventude Crea cunha coprodución internacional

A segunda, pon o foco no aprendizaxe, encontro e experimentación para dotar de novas ferramentas, coñecementos e perspectivas ao sector

A Xunta de Galicia porá en marcha na Cidade da Cultura DescArtes, a nova liña de residencias artísticas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que busca integrar o público no proceso de creación das producións teatrais galegas. Así o presentaron hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, nun acto no que tamén estivo o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como as compañías e artistas que participarán nesta proposta.

Tal e como explicaron os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o programa incluirá nesta primeira edición tres proxectos, dos cales dous están ligados ao talento emerxente do certame Xuventude Crea, mentres que a iniciativa restante correspóndese cunha coprodución internacional galego-portuguesa que aposta por ampliar as linguaxes da escena contemporánea.

Así, a principal novidade das residencias DescArtes reside en que as artistas compartirán co público materiais escénicos de cada obra que, mesmo tendo valor artístico, non van formar parte da montaxe final do espectáculo. Estes encontros permitirán coñecer de que forma se seleccionan os materiais dunha proposta artística e os motivos polos que unha escena, un texto ou un elemento escenográfico son descartados. En cada un dos encontros abrirase a conversa coas persoas presentes no público para que estas poidan dar o seu punto de vista sobre os materiais. Este proceso participativo quedará rexistrado nunha sorte de “libro de descartes”, nun formato físico ou dixital por determinar.

Obras en residencia

Dolce far niente, primeiro premio da modalidade Teatro PRO no Xuventude Crea 2025, é a primeira proposta en comezar a súa residencia na Cidade da Cultura. A peza, producida polo colectivo Desattada, reflexiona sobre a precariedade laboral, a identidade e a posibilidade de manter o compromiso persoal nunha sociedade cambiante, inspirándose na propia experiencia da autora nunha cadea de comida rápida.

O seguinte proxecto chegará a mediados do mes de marzo ao Gaiás co recoñecido actor, músico e director artístico Hugo Torres (ex-Voadora), que aproveitará o programa DescArtes para perfilar a súa próxima estrea no festival Escenas do cambio. Unha obra internacional que conta coa produción da compañía portuguesa Tripo Limpo, o FITEI - Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto e o Centro Dramático Galego.

De cheo xa na primavera ocupará as residencias a terceira proposta participante, ÑiquiÑaque, unha peza concibida por Vitiriteiros, novo colectivo escénico saído da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e participante no Xuventude Crea 2025 na modalidade de Teatro PRO. O grupo parte do texto do mesmo título escrito por Cándido Pazó para crear unha nova posta en escena nun formato de teatro de rúa. A comedia protagonízana dous cómicos ambulantes a punto de disolver a compañía que reciben o encargo dun Gran Duque para facer unha nova versión de Romeo e Xulieta, á que dan forma mentres viaxan nun motocarro avariado.

'Enforma' nas artes escénicas

Por outra banda, os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude presentaron tamén Enforma, un novo programa de formación para o ano 2026 que tira proveito das instalacións do Gaiás como espazo de aprendizaxe, encontro e experimentación nas artes escénicas.

As actividades comezan esta fin de semana cun laboratorio de creación escénica inclusivo, dirixido a artistas con diversidade funcional, persoas xordas e corpos non normativos. A formación está vinculada á creación do espectáculo Somos os monstros, coprodución de Berrobambán xunto ás compañías portuguesas Terra Amarela e  Comédias do Minho e o Centro Dramático Galego, a partir do texto da premiada autora teatral Paula Carballeira.

No Gaiás realizarase tamén unha nova edición da formación para docentes do proxecto LÓVA (La Ópera, Vehículo de Aprendizaxe), que vén desenvolvendo a Consellería de Educación da Xunta de Galicia co Teatro Real, así como un micro-máster sobre deseño de iluminación e unha nova edición da formación específica en improvisación teatral FIT, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.