A Xunta contribúe con nove citas escénicas e musicais á oferta cultural de Pontevedra como membro da rede galega de teatros e auditorios
O Teatro Principal inaugura este xoves a carteleira con ‘Guerra’, de Teatro do Noroeste, e o Pazo da Cultura completa a axenda con música, maxia e propostas familiares en marzo
O Goberno autonómico cofinancia catro funcións de teatro, tres concertos, unha de maxia e outra de novo circo cunha achega de 15.000€ por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
O circuíto impulsado pola Xunta iniciou a súa actividade o 15 de xaneiro e prolongarase ata finais de xuño con 307 actuacións en 42 concellos e un orzamento próximo aos 1,29 M€
O Goberno galego contribúe á axenda cultural de Pontevedra ata finais de marzo cun total de nove funcións de artes escénicas e de música no Teatro Principal e no Auditorio Pazo da Cultura, espazos integradas na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de exhibición que a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cofinancia xunto ás entidades locais asociadas. Teatro do Noroeste, Morracoconto, Mariña Lestón, Mofa e Befa ou Pistacatro son algunhas das compañías que amosarán os seus espectáculos.
A actividade na cidade do Lérez arranca este xoves 26 de febreiro no Teatro Principal con Guerra, de Teatro do Noroeste, unha proposta que pon o foco no impacto da violencia e na memoria colectiva. O programa complétase en marzo cunha oferta que combina funcións teatrais para público adulto con música, maxia e espectáculos pensados para público familiar no Pazo da Cultura.
Teatro, circo, maxia e música
A programación continuará con TROMSØ, de Morraoconto, o 5 de marzo, un espectáculo que transita entre o humor e a emoción para falar da perda e do que queda despois. O 12 de marzo será a quenda de Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón en coprodución co Centro Dramático Galego, unha proposta que debuxa un mapa escénico de relatos, cantigas e memoria arredor do mar e dos seus naufraxios. A carteleira complétase con Mofa e Befa: Os Dous de Sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, o 26 de marzo, unha volta escénica contemporánea desde o humor e a retranca ás figuras creadas por Castelao.
O Auditorio do Pazo da Cultura concentra a oferta para público familiar, co espectáculo de circo Variedades Pistacatro, de Pistacatro Productora de Soños, compañía Premio Nacional de Teatro, o 7 de marzo e o 8 de marzo programarase a Gran gala de maxia, de O Mago Paco, unha sesión de ilusionismo pensada para gozar en familia. A música ocupará a fin de semana seguinte con tres recitais: Concerto tributo Lembra Xabarín, de grupo Priscila, o 20 de marzo, un directo arredor do imaxinario musical da xeración do célebre programa da Televisión de Galicia; Parabéns para nós!, de A Gramola Gominola, o 21 de marzo, unha proposta participativa que festexa o décimo aniversario da agrupación; e Un soño é…, de Uxía Lambona e a Banda Molona, o 22 de marzo, un concerto para coñecer a música tradicional galega dun xeito novo e divertido para os cativos.
Impulso das artes escénicas galegas
A Rede Galega de Teatros e Auditorios iniciou o pasado 15 de xaneiro o seu primeiro período de actividade para toda Galicia, que se prolongará ata finais de xuño cunha oferta de 307 actuacións en 42 concellos das catro provincias. O circuíto autonómico conta cun orzamento de preto de 1,29 M€, un 5,6% máis que no mesmo período de 2025, cofinanciado polo Goberno galego e polas entidades locais asociadas.
Este investimento está destinado integramente á contratación de 102 compañías escénicas e grupos de música, na súa meirande parte formacións galegas. No caso de Pontevedra, o custo total desta actividade ascende a 36.410 euros, dos que 14.564 son achegados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. No conxunto desta carteleira, Pontevedra suma nove citas, con catro funcións de teatro, tres concertos, unha gran gala de maxia e un espectáculo de circo, configurando co apoio da Xunta unha programación continuada entre febreiro e marzo.
Imaxes, por orde de lectura:
- Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón en coprodución co Centro Dramático Galego
- Mofa e Befa: Os Dous de Sempre, de Producións Teatrais Excéntricas