A Xunta ofrece ata xuño 19 actuacións escénicas nos espazos da provincia de Ourense membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A programación arranca este venres no Teatro Principal de Ourense coa peza de teatro envolvente Moria, da compañía canaria Unahoramenos Producciones
A oferta global deste circuíto cultural organizado en colaboración coas entidades locais inclúe 329 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 40 espazos de toda Galicia
O Goberno galego incrementou un 12,5% o orzamento respecto a 2021 para a Rede e destina 574.000 euros ao primeiro semestre de actividade

A Xunta ofrece ata xuño 19 actuacións escénicas na provincia de Ourense a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), das que sete terán lugar na capital provincial, outras tantas no Barco de Valdeorras, catro no Carballiño e unha na Rúa. A programación deste circuíto cultural para o primeiro semestre de 2022, organizada en colaboración coa Deputación de Ourense e cos respectivos concellos, arranca esta fin de semana na capital ourensá coa peza de teatro inmersivo Moria.
Así, o venres o Teatro Principal acolle ás 18,00 horas a última montaxe da compañía canaria Unanahoramenos Producciones. Trátase dunha experiencia de teatro envolvente, na que o público é libre de elixir como vive a experiencia. O espectáculo conta a historia de dúas refuxiadas e das súas familias, ás que non lles queda máis remedio que fuxir dos seus países. A dramaturxia sostense a partir de testemuños reais filmados no campamento de Moria, na illa grega de Lesbos.
A seguinte actuación prevista neste escenario terá lugar a finais de marzo, coa estrea por parte de Producións Teatráis Excéntricas de O porco de pé, que representará durante tres días, o mércores 30, o xoves 31, e o venres 1 de abril. Neste último mes, na xornada do 22, chega unha nova estrea con Rastros, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa compañía Condetrespés. Xa o 30 de maio, Teatro Proscrito ofrecerá Manar. A derradeira caravana. O peche do cartel do espazo da rúa da Paz porao a compañía Voadora con Othello, o 9 de xuño.
Funcións en Valdeorras e O Carballiño
A programación na comarca de Valdeorras comeza a semana vindeira no Teatro Lauro Olmo, no Barco. Será o venres 28 con A lúa vai encuberta, a coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Casa Museo Manuel María interpretada por Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, que se estreou no Teatro Principal de Ourense o pasado setembro. En febreiro haberá música con Caamaño&Ameixeiras, o día 11, e teatro para público familiar con Tanxarina e a A cazola de Lola, o 25.
As citas continúan un mes despois, o 25 de marzo, con Porvenir, de Impromadrid Teatro. En abril será a quenda de Matrioshka Teatro, con Comando Comadres, e de Producións Teatráis Excéntricas, con O porco de pé, nas xornadas do 8 e do 22, respectivamente. A música volve o 6 de maio a este espazo con Sheila Patricia, quen pecha o cartel deste primeiro semestre de programación.
Tamén na comarca de Valdeorras, A Rúa ofrecerá unha única función no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Trátase da montaxe Animais de compañía, de Teatro do Noroeste, dirixida a público familiar e que se representará o 6 de febreiro no Centro Cultural Avenida.
Pola súa banda, O Carballiño arranca o seu cartel o 5 de marzo con A Familia Real, de Olivas Negras. En maio o protagonista será o teatro infantil, con Carabela, de Galeatro Producións Escénicas, o día 7, e Güela, güela, de Galitoon, o 15. O 25 de xuño chega a música de A Gramola Gominola que lle porá o peche á programación neste concello. Todas as sesións terán lugar no Auditorio Manuel María.
Máis de 300 actuacións en 40 espazos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece nesta primeira metade do ano unha variada oferta cultural en 40 dos seus espazos asociados en todo o territorio galego. Sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións, a meirande parte delas, galegas. Así, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo, tanto para público adulto coma familiar.
A Xunta de Galicia incrementou un 12,5% o orzamento con respecto a 2021 ao destinar 574.000 euros a este primeiro período da programación anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios. Deste xeito, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.
O calendario de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galiciae da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).