A Xunta ofrece 33 actuacións escénicas na cidade de Lugo ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A programación arranca este xoves no Auditorio Municipal Gustavo Freire coa peza teatral Cigarreiras, de Contraproducións, baseada nunha novela de Pardo Bazán
A oferta global deste circuíto cultural, organizado coas entidades locais, inclúe 329 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 40 espazos de toda Galicia
O Goberno galego incrementou un 12,5% o orzamento respecto a 2021 para a Rede e destina 574.000 euros ao primeiro semestre de actividade

A Xunta ofrece ata xuño 33 actuacións escénicas para todos os públicos na cidade de Lugo a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). Deste total, 26 serán espectáculos teatrais, cinco de danza, un de música e outro de novo circo. A programación deste circuíto cultural no Auditorio Municipal Gustavo Freire para o primeiro semestre de 2022, organizada en colaboración co Concello, arranca este xoves día 13 ás 20,30 horas co espectáculo Cigarreiras, a cargo da compañía Contraproducións.
A peza que abre o cartel lugués leva ás táboas unha proposta dramatúrxica baseada na novela La tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Con sete actrices en escena, conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo con outros máis frescos e lixeiros, característicos da narrativa da autora galega. A montaxe dirixida por Cándido Pazó é, ademais, unha das máis contratadas ao abeiro da nova temporada da RGTA.
Neste mesmo mes, o público familiar poderá gozar de dúas sesións, con Ás para Álex, de Baobab Teatro, o día 16, e Little Neno descobre a…os Beatles, de A Reixa Producións, na xornada do 23. A programación de xaneiro complétase con Pura de Os Náufragos, o día 20, e o novo circo de Cía. Manolo Alcántara (Premio Nacional de Circo 2021 do Ministerio de Cultura e Deporte) co espectáculo Deja vú, o 30.
Teatro, danza e música
En febreiro continúa o teatro para adultos con Salvador, de Borja Fernández, …e poñerán esposas ás flores, de Stracciatella Teatro, e Smoke in the water, de Ibuprofeno Teatro. Por outra banda, representarase para público familiar Leonardo e os biosbardos, de A Xanela do Maxín e Cubo, de Elefante Elegante. Neste mes haberá tamén danza da man de VACAburra con O raro é que bailar sexa raro, peza interpretada por Andrea Quintana.
As propostas teatrais para marzo son As alumnas de Culturactiva, Lázaro de Leamok e Othello de Voadora, no caso dos adultos, xunto con A cazola de Lola de Tanxarina, no do público familiar. A este diríxese ademais o espectáculo de danza Nina Ninette de Paula Quintas.
Xa en abril, as familias terán en cartel Hugo de Os Náufragos, Sopa de piedras, de Engruna Teatre e Úniko de Teatro Paraíso. Para o público adulto representaranse Morte accidental dun anarquista, de Talía Teatro, O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas e A familia real, de Aporía Escénica Olivas Negras, así como a danza de Licenciada Sotelo con Mortais e vulnerables.
Maio combina tamén sesións para todos os públicos, co teatro Contacreques, de Eme2 Emocion&Arte, La mona Simona de Cía. La Sonrisa del Lagarto e a música de Xoan Curiel con Canta miña pedra, canta, dirixidos á rapazada, e Hotel Europa de Señora Supina, Semente de Nós de Sarabela Teatro, Libre coma os paxaros de Teatro do Atlántico e As que limpan de A Panadería, para adultos. Para este público ofrecerase tamén o espectáculo de danza coproducido polo Centro Coreográfico Galego (CCG) Tabú, de Colectivo Glovo.
Como peche da programación semestral en xuño o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá a peza teatral Saga de Flin Havardr, de Trécola Producións, e a danza de Elahood co espectáculo Nó, tamén coprodución do CCG.
Máis de 300 actuacións en 40 espazos
A Rede ofrece nesta primeira metade do ano unha variada oferta cultural en 40 dos seus espazos asociados en todo o territorio galego. Sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións, a meirande parte delas, galegas. Así, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo.
A Xunta de Galicia incrementou un 12,5% o orzamento con respecto a 2021 ao destinar 574.000 euros a este primeiro período da programación anual da RGTA, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios. Deste xeito, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.
O calendario de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).