Share

A Xunta incrementa máis dun 11% a dotación das subvencións a festivais audiovisuais para 2020

Coa convocatoria que se publica hoxe no DOG, continúa á alza o orzamento destinado a este tipo de eventos e aumenta un 11% respecto á anterior resolución

Poden concorrer a esta liña de apoio certames, semanas e mostras audiovisuais que se celebren entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020

A Xunta incrementa máis dun 11%  a dotación das subvencións a festivais audiovisuais para 2020

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual para 2020 cunha dotación de 190.000 euros, o que supón un incremento de máis dun 11% respecto á de 2019. Consolídase así a tendencia ascendente que rexistra o orzamento reservado a esta liña de apoio desde a súa creación hai seis anos.
As bases da convocatoria especifican que esta se dirixe tanto a persoas físicas e xurídicas privadas como a entidades locais organizadoras de certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, sempre que conten cunha duración mínima de catro xornadas (cando menos, con 20 proxeccións), e teñan realizado tres edicións consecutivas en anos anteriores. Entre outros requisitos, a proposta de programación debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.
 
Con estas axudas, a Xunta quere seguir contribuíndo a este tipo de eventos nun marco de actuación cultural baseado no impulso do sector audiovisual para a Comunidade, consolidando industrias rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos.
 
Por medio desta liña obtiveron financiamento en 2019 o XV Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, (S8) X Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, o XVI Festival de Cans de Curtametraxes, o 16º Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Novos Cinemas Festival Internacional de Cine de Pontevedra, Festival Primavera do Cine en Vigo, MICE Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), FKM Festival de Cinema Fantástico da Coruña e IV Festival de Cine Inclusivo de Vigo.
 
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá día 18 de decembro e ata o 17 de xaneiro, segundo o texto que poden consultarse no enlace ao web do DOG (código de procedemento CT215B).

[Foto: Festival Play-Doc de Tui 2019]