Share

A Agadic reúne un grupo de traballo do sector musical para acordar catro misións internacionais neste eido

A Agadic reúne un grupo de traballo do sector musical para acordar catro misións internacionais neste eido

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Turismo, e distintos representantes do sector acordaron hoxe a presenza da música galega en catro citas internacionais neste eido durante 2020: Mercat de Música Viva de Vic (Barcelona), Bilbao Music Experience (BIME), Feria Internacional de Música para Profesionales (FIMPRO) de Guadalaxara (México) e World Music Expo (Womex), que o ano que vén se celebrará en Budapest (Hungría).
Este acordo é un dos resultados dun grupo de traballo do sector musical, reunido periodicamente a instancias da Agadic, e do que forman parte distintos colectivos e empresas. Na xuntanza de hoxe, ademais do director da Agadic, Jacobo Sutil, participaron Manuel Blanco, por parte da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM); María Nieto, do colectivo de salas Clubtura; Iván Arias, como representante da Asociación Empresarial Festivais de Galicia; Manuel A. Alonso, como voceiro de Músicas ao Vivo, así como Patricia Hermida, de Mare Producións, Vítor Belho, de Nordesía Producións, e Josiño Carballo, da discográfica Ernie Producións.