A Xunta inclúe os videoxogos na súa planificación estratéxica cultural cun primeiro convenio coa principal asociación do sector
O acordo abrangue a produción dunha serie documental de 12 pezas audiovisuais para dotar de visibilidade os profesionais do ecosistema e os seus principais traballos
Porase en marcha unha liña de asesoramento profesional para identificar oportunidades de negocio, mellorar a comunicación ou participar en feiras especializadas
O convenio, no que o Goberno galego inviste 42.000 euros, ten en conta o crecente tecido cultural dedicado aos videoxogos e o seu potencial para xerar emprego cualificado e fomentar o coñecemento e a innovación
O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio de colaboración por valor de 42.000 euros para o desenvolvemento de diversas iniciativas de difusión, visibilidade e capacitación levadas a cabo pola Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos Videoxogo.gal. Constitúese así a incorporación por vez primeira deste sector na planificación estratéxica do Goberno galego sobre actuacións de fomento de actividades culturais mediante este tipo de acordo directo.
Para esta iniciativa, a Xunta ten en conta tanto o crecente tecido cultural dedicado aos videoxogos como a elevada representatividade de Videoxogo.gal, colectivo que marcou esta acción como prioritaria, en resultado do diálogo aberto e continuo coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Así, o convenio parte da base de que esta industria debe consolidarse como un sector estratéxico da economía cultural e creativa galega, un ámbito dun elevado potencial para a xeración de emprego cualificado, a retención de talento e a creación de valor engadido baseado no coñecemento e na innovación.
O obxecto deste convenio de colaboración é o financiamento, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, de dúas liñas concretas de acción. Dunha banda, a difusión e visibilidade do sector galego do videoxogo, para o que se prevé a produción dunha serie documental composta por doce pezas audiovisuais protagonizadas por empresas, estudios, profesionais e proxectos representativos do ecosistema galego do videoxogo. As gravacións realizaranse en estudios, centros formativos, espazos culturais e outras localizacións vinculadas á actividade do sector. As pezas resultantes terán unha duración aproximada de entre 12 e 14 minutos e estarán concibidas como ferramentas de divulgación e coñecemento sectorial, ofrecendo unha visión ampla das diferentes profesións, actividades e ámbitos que conforman a industria do videoxogo en Galicia. A súa comunicación ao público farase a través das principais redes sociais.
Nunha segunda liña sitúase o apoio ao tecido profesional, mediante o desenvolvemento de accións orientadas ao fortalecemento das capacidades organizativas, empresariais e de proxección exterior das empresas, estudios e profesionais galegos do videoxogo.
Ofrecerase apoio e asesoramento en materias relacionadas coa identificación de oportunidades de financiamento e subvencións, preparación de documentación profesional, mellora da comunicación e da presenza dixital, participación en feiras e eventos profesionais, internacionalización, establecemento de contactos sectoriais e detección de necesidades formativas. Así mesmo, elaboraranse recursos e materiais de utilidade para o conxunto do ecosistema, recompilarase información sobre as principais demandas do sector e identificaranse áreas prioritarias de actuación que permitan orientar futuras iniciativas de apoio e desenvolvemento.
Ademais do seu impacto económico, o videoxogo representa unha ferramenta relevante para a difusión e proxección internacional da lingua, identidade e cultura galegas, xa que a través de contidos interactivos innovadores, as empresas galegas teñen a capacidade de crear produtos culturais que conecten con audiencias de todo o mundo, incorporando referentes patrimoniais, históricos e lingüísticos propios.
Neste contexto, o apoio ao proxecto impulsado por Videoxogo.gal para 2026 resulta de especial interese para fortalecer e dotar de cohesión o ecosistema galego neste eido, favorecer o nacemento de iniciativas empresariais, promover o consumo de videoxogos desenvolvidos en Galicia e en lingua galega e incrementar o coñecemento social de todo o sector. Contribuirase así a reforzar a proxección pública dunha industria cultural estratéxica, mellorando a súa competitividade e consolidando Galicia como un territorio de referencia no ámbito dos contidos dixitais e interactivos.
Videoxogo.gal nace en 2018 como espazo de encontro, visibilidade e conexión de todos os profesionais e empresas creadoras deste ámbito. Con máis de 60 asociados na actualidade, o colectivo aspira a converterse en canle común de representación do sector e lugar desde o que construír un ecosistema industrial diverso e estable en Galicia e vén participando activamente no desenvolvemento de iniciativas, grupos de traballo e eventos de referencia para o sector, tanto a nivel galego como estatal.