A Xunta impulsa os traballos de preprodución de 15 futuras películas e series galegas con 260.000 euros en subvencións
ublícase na web da Agadic a adxudicación da convocatoria anual destas axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través das que se apoian as produtoras galegas nos traballos previos cara á rodaxe dos seus próximos títulos
As propostas adxudicatarias contarán para a súa futura realización con directores como Xacio Baño, Ruth Chao, Fon Cortizo, Lucía Dapena, Eloy Enciso, Anxos Fazáns, Juan Galiñanes, Andrés Goteira, Sandra Sánchez ou Ángel Santos, entre outros
Apóiase tamén a preparación das próximas longas de animación de Ángel de la Cruz e Fernando Cortizo
A Xunta de Galicia fai pública hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da convocatoria anual de subvenciónspara o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través da que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 260.000 euros aos traballos de preprodución de 15 futuras películas e series galegas para cinema e televisión. Por modalidades, oito destas propostas materializaranse en longametraxes de ficción, catro en documentais, dúas en longas de animación e unha en miniserie televisiva.O obxectivo desta liña de apoio é acompañar as produtoras desde a fase inicial de preparación dos seus novos proxectos, cos que nos anos seguintes poderán optar ás convocatorias da Xunta tanto para produción e coprodución audiovisual como para a súa difusión en feiras e mostras, ademais de a outros fondos estatais e europeos.
Axudas previas aos guións
Algúns dos títulos seleccionados para desenvolvemento dispuxeron, así mesmo, dun apoio previo á escrita do seu guión mediante a liña de axudas autonómicas para a promoción do talento audiovisual galego. É o caso de catro das iniciativas seleccionadas na modalidade A para proxectos de ficción cinematográficos e televisivos: Fatum, de Juan Galiñanes, que producirá Vaca Films; A nadadora, de Sandra Sánchez, coa produtora Setembro de Cine; As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, con Sétima; e Así chegou a noite, de Ángel Santos, con Miramemira, así como do documental O silencio herdado, de Lucía Dapena, con Gaitafilmes.
Completan a listaxe na categoría de ficción La oportunidad, de Frida Films e primeira longametraxe como realizadora de María de Castro; A nai (La madre), de Xamalú Filmes, con dirección de Manane Rodríguez; Non, de Filmika Galaika, con Eloy Enciso, e Monstro, de Gaitafilms, con Andrés Goteira. Así mesmo, Zenit TV preparará a produción dos dous capítulos da serie Victoria Ocampo, un lugar chamado Sur, con guión de Rosa Castro e dirección de Zaza Ceballos.
Na modalidade B para animación, recibirán axuda para esta fase previa á súa produción os próximos traballos de dous recoñecidos realizadores neste ámbito: O conto da serea, con produción de Ensenada de Ézaro Films, no que Ángel de la Cruz levará ao cinema El cuento de la sirena, de Torrente Ballester. Pola súa banda, Fernando Cortizo producirá e dirixirá a longametraxe de aventuras SHKID.
Ademais, na categoría de longametraxe documental atópanse xunto a O silencio herdado as próximas producións de Somadrome Filmes (2084, da directora Ruth Chao), Ollovivo (Cancións para a apocalipse, de Fon Cortizo) e Rebordelos(Recordos. Saúdos. Apertas, de Xacio Baño).
-Máis información