Share

La Quintana Teatro estrea en Ourense e Santiago o espectáculo 'O Premio' en coprodución co Centro Dramático Galego

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) inclúe mañá a primeira función pública da montaxe cun único pase no Teatro Principal, previo ás dúas representacións que se levarán a cabo no compostelán Salón Teatro o sábado e mais o domingo

Marián Bañobre dirixe esta comedia aceda, escrita por Santiago Cortegoso, que por fin levará a cabo a súa estrea despois do aprazamento polo estado de alarma

Victoria Teijeiro, Raquel Espada e Xurxo Cortázar interpretan unha creación colectiva sobre un futuro próximo no que a felicidade dos protagonistas está nas mans dos espectadores

La Quintana Teatro estrea en Ourense e Santiago o espectáculo 'O Premio' en coprodución co Centro Dramático Galego

La Quintana Teatro estrea mañá xoves ás 20,00 h. o espectáculo O Premio en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) e no marco do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). A función inaugural, que terá lugar no Teatro Principal da cidade das Burgas, precederá as dúas representacións que acollerá o sábado 17 e mais o domingo 18 o Salón Teatro de Santiago de Compostela.
 
Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de  Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.
 
No equipo artístico e técnico, atópanse tamén  Marisa de Laiglesia (escenografía e vestiario), Javier Quintana (deseño de iluminación), Anxo Outumuro (técnico de luces), Lucía Estévez (vídeo), José Luis Fraga (creación sonora) e María Moral (distribución).
 
Ideada como creación colectiva, O Premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito laboral, sentimental e social levan os cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar esta situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita e popular medida: crear un reallity en directo, onde é o público quen decide que concursante merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”.
 
Interacción directa co público
A interacción cos espectadores é clave no desenvolvemento deste programa e, xa que logo, do espectáculo, no que o traballo actoral e de investigación arredor das novas formas teatrais se apoia nos vídeos a través dos que se comparte a vida dos protagonistas.
 
O Premioé o quinto espectáculo de La Quintana Teatro. A compañía coruñesa, que comezou a súa traxectoria hai 12 anos co gran éxito de público e crítica de Desde lo invisible, Premio MAX 2008 ao mellor espectáculo revelación, continuou avanzando no seu traballo de creación colectiva e investigación en títulos como InnóminesRealidade O bolso ou a vida. En 2018 reestreou no Teatro Valle-Inclán do Centro Dramático Nacional Desde lo invisible, co que fixo unha estadía en El Pavón Teatro Kamikaze de Madrid, ademais de visitar tamén con esta montaxe o Salón Teatro, entre outros espazos dentro e fóra de España.
 
O Centro Dramático Galego participou en réxime de coprodución en O Premio, espectáculo ao que lle abrira tamén as portas do Salón Teatro como residencia artística. Así, o CDG prestoulle apoio económico e técnico á compañía para a súa nova montaxe, ademais de cederlle as súas instalacións para ensaiar e estrear o pasado mes de marzo, evento que tivo que ser suspendido ao decretarse o estado de alarma.
 
Despois da súa reprogramación, as novas representacións no Salón Teatro de Santiago de Compostela serán o día 17 de outubro ás 20,30 h., e o do domingo 18 ás 18.00 h. As localidades poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada pase e de xeito anticipado a través da web e do teléfono de venda de entradas de Abanca.

-La Quintana Teatro