A Xunta e a Asociación Galega de Empresas Musicais impulsan o primeiro plan estratéxico do sector en Galicia
O Consello aprobou o convenio para a elaboración desta folla de ruta da industria musical galega, que se desenvolverá en tres fases ata xullo de 2025
A colaboración con AGEM, que agrupa 50 empresas musicais, inclúe a creación dos primeiros premios da industria musical e a organización dunhas xornadas de promoción musical
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achegará 52.000 euros para a execución destas iniciativas entre os anos 2024 e 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a sinatura dun convenio coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) a través do cal a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe con 52.000 euros ao desenvolvemento de distintas iniciativas de promoción e análise do sector durante o bienio 2024-2025, entre as que destaca a elaboración do primeiro Plan estratéxico da industria musical de Galicia.
Así o aprobou hoxe o Consello da Xunta co obxectivo, tal e como apuntou Rueda, de “promocionar a industria musical en Galicia, un sector no que traballan unhas 3.250 persoas, que xera un volume de negocio de 227,7 M€ ao ano e que contribúe a facer marca Galicia”. Avánzase así na colaboración en prol da profesionalización e a dinamización neste ámbito cultural xunto co seu principal colectivo empresarial, que conta na actualidade con 50 firmas asociadas en toda a Comunidade.
O Plan estratéxico terá unha folla de ruta que se estruturará en tres fases ata xullo de 2025. A primeira xa está en marcha e refírese ao inicio da análise das “fortalezas e debilidades da industria musical galega, os recursos dispoñibles e a súa capacidade para responder as demandas do mercado e as expectativas sociais”, indicou o titular do Goberno galego. Este é o paso previo ao deseño dun conxunto de medidas específicas e de políticas de apoio orientadas a estimular a creación, produción e distribución de contidos musicais tanto a nivel nacional como internacional.
O estudo implicará, así mesmo, unha terceira e última fase de articulación dos correspondentes sistemas de avaliación que aseguren o seguimento e control dos obxectivos marcados a partir do trazado das accións máis eficaces para o seu desenvolvemento durante o período 2025-2030.
A oportunidade e necesidade deste plan estratéxico evidenciouse á vista dos datos recollidos no informe Impacto da industria musical de Galicia: tendencias, retos e oportunidades, realizado en 2023 por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela e publicado en xaneiro deste ano pola Asociación Galega de Empresas Musicais co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Accións complementarias
Alfonso Rueda explicou que o convenio que se asinará proximamente inclúe tamén outras dúas accións de colaboración coa Asociación Galega de Empresas Musicais como “a posta en marcha dos primeiros premios da industria musical galega, que culminarán cunha gala de entrega na segunda metade de 2025”. O seu obxectivo é recoñecer as achegas e logros dos subsectores que conforman a industria musical, clasificados en 15 categorías.
Ademais, no mes de novembro deste ano e do que vén terán lugar en Pontevedra unhas xornadas de promoción musical para o encontro de promotoras e distribuidoras con profesionais da programación cultural de Galicia e do norte de Portugal.
Imaxe: Festival SonRías Baixas. Fotógrafa: Rocío Cibes