A Xunta difunde en PortAmérica os valores de sostibilidade e responsabilidade social da súa marca FEST Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo visitou esta tarde o festival, que se celebra desde onte na carballeira de Caldas de Reis coa música, a gastronomía, o medio ambiente e a economía circular como eixos da programación
Trátase dunha das 12 citas estivais patrocinadas este ano pola Administración autonómica a través desta iniciativa transversal para promover o turismo musical sostible e de calidade, en estreita relación co Xacobeo 2021
O stand FEST Galicia acolle accións a prol da igualdade, do uso da lingua galega, da ecoconsciencia ou do fomento de valores positivos para a xuventude
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou esta tarde o festival PortAmérica, que se celebra desde onte na carballeira de Caldas de Reis. Acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, alí tivo a oportunidade de comprobar como se están a desenvolver algunhas das accións organizadas pola Xunta no stand de FEST Galicia, a marca transversal da Administración autonómica para promover o turismo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
O festival de Caldas é unha das 12 citas adheridas a esta segunda temporada da iniciativa, que arrancou a súa edición de 2019 o pasado mércores no Resurrection Fest de Viveiro. Completan a relación dos encontros patrocinados a través desta vía o Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal Fest.
Música e gastronomía
No caso do Portamérica, o seu principal valor engadido atópase na maridaxe entre gastronomía e música, con dous escenarios nos que están a tocar artistas de Europa e Latinoamérica e un showrocking comisariado por Pepe Solla, onde se dan cita chefs de das dúas beiras do Atlántico que suman máis de 30 soles na Guía Repsol. O festival volve contar tamén coa súa Factoría de Talentos, onde creadores e deseñadores mostran os seus produtos, ademais de impulsar diferentes accións para concienciar os asistentes sobre temas como a economía circular, o fomento do consumo local, a reducción de emisións de CO2 mediante o fomento do transporte colectivo, ou o coidado medioambiental coa segunda edición da campaña Unha entrada, unha árbore, que o ano pasado logrou reforestar 40.000 m2 con 2500 árbores.
Este compromiso medioambiental e social entronca directamente cos valores promovidos por FEST Galicia, a través da que a Xunta lle dá difusión a diferentes campañas e accións de concienciación nestes ámbitos. O stand da marca en PortAmérica, cun renovado deseño que lle volve dar prioridade ao uso de materiais reciclados, está a ser hoxe o epicentro destas actividades, impulsadas pola Consellería de Cultura e Turismo, que coordina a iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Ecoconsciencia
Respecto ás accións promovidas por Medio Ambiente, o espazo FEST Galicia alberga un punto informativo, no que persoal especializado lles transmite aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente durante todo o festival. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentablesno que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas.Ademais e en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, xestiónase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.
O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións desta segunda temporada FEST Galicia, que apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, ademais de accións en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade enmarcadas na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual.
Obradoiros e concursos
Neste caso, persoal formado neste ámbito difunde o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalaron tótems en zonas visibles do festival coas mensaxes da campaña. Ademais, esta tarde está a desenvolverse o obradoiro Machismos Off co fin identificar condutas machistas que se asumen como habituais, para facelas visibles como primeiro paso para loitar contra elas. Os participantes tamén poden comentalas a través das súas redes sociais coas etiquetas #MachismosOFF e #FestGalicia2019.
O usoda lingua é outro dos ámbitos nos que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. Con este fin, o comunicador Víctor Grande atópase esta tarde no stand para animar as mozas e mozos a que acheguen as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Ao tempo, estase a estrear o novo concurso ‘Pasa a palabra’, no que ademais de divertirse e adiviñar verbas en galego, os participantes teñen a oportunidade de facerse con sombreiros e bolsas festivaleiras, así como de optaren a gañar unha bicicleta eléctrica, que se sorteará entre todas as persoas gañadoras de cadanseu festival ao final da temporada.
Outra das actividades que acolle o espazo FEST Galicia focalízase igualmente na mocidade, grazas á implicación da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Trátase dunha acción lúdico-formativa na que se fan preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta. A medida que as persoas participantes vaian acertando as respostas, conseguirán premios como pulseiras, camisetas ou bolsas de tea. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil é o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral.
Xacobeo 21
Por último, o Xacobeo 21 tamén estará moi presente no stand instalado en PortAmérica, desde onde se ofrecerá todo tipo de información sobre a peregrinación a Santiago e as diferentes rutas xacobeas en Galicia.
Esta mesma semana ten lugar outra das citas asociadas á marca: o Resurrection Fest, que se celebra desde o mércores en Viveiro. Este festival, xunto ao PortAmérica, conta tamén co patrocinio privado derivado do Xacobeo 21, ademais de ser un dos 12 beneficiarios da convocatoria de adhesión a FEST Galicia, dotada con 350.000 euros. Este apoio económico súmase, ademais, ao que recibirán os eventos beneficiarios da convocatoria anual de axudas da Agadic a festivais de música, que este ano conta cun orzamento de 340.000 euros e se atopa se atopa actualmente en trámite de resolución.