A Xunta de Galicia incrementa ata os 70.000 euros a súa achega á organización dos Premios Mestre Mateo do audiovisual
O Consello autoriza a sinatura do convenio coa Academia Galega do Audiovisual para o desenvolvemento destes galardóns, que aumenta nun 16% a súa dotación respecto a 2024
Entregaranse o vindeiro 15 de marzo en Lalín, nunha gala presentada por Teté Delgado e coa música en directo de Baiuca
As longametraxes finalistas, así como varias das curtas e series candidatas, contaron para a súa realización con subvención do Goberno galego no marco do programa anual de axudas ao sector

O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio anual entre o Goberno autonómico e a Academia Galega do Audiovisual, en virtude do cal a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe con 70.000 euros á organización da 23a edición dos Premios Mestre Mateo. A dotación desta colaboración increméntase nun 16% respecto a 2024, reforzando así o apoio a estes galardóns e ao seu papel como plataforma desde a que compartir coa sociedade a capacidade e calidade dun sector que está a obter tamén numerosos recoñecementos no nivel internacional.
O Lalín Arena acollerá o vindeiro 15 de marzo a gala de entrega dos XXIII Mestre Mateo, que por vez primeira se celebra fóra do circuíto habitual dos grandes núcleos urbanos. Baixo o lema O audiovisual en movemento, a bailarina e coreógrafa Marta Alonso dirixirá este evento, que conducirá a actriz e presentadora Teté Delgado con guión da tamén actriz Carlota Mosquera e do actor Manolo Cortés. Baiuca poralle a banda sonora con música en directo.
Os premios da Academia Galega do Audiovisual, colectivo que agrupa máis de 450 profesionais de diferentes ámbitos artísticos e técnicos deste sector, poñen o foco nos máis destacados traballos de 2024 en 25 categorías.
Producións con axuda autonómica
Nesta 23ª edición, a serie Rapa e as longametraxes As Neves, Honeymoon e + Cuñados copan unha gran parte das opcións a premio con 40 candidaturas. Tanto estas tres longas como o resto das finalistas (Aurora, Filmei paxaros voando, Prefiro condenarme, Salvaxe, salvaxe, Xustiza artificial e Tratamos demasiado bien a las mujeres) contaron para a súa realización con subvención da Xunta de Galicia a través das convocatorias anuais de axudas ao sector, no marco das que tamén se apoiaron a serie Bibopalula e as curtas Platónico, platónica, Pura, Véxote e Eu vou comigo.
O desenvolvemento dos Premios Mestre Mateo coincide temporalmente coa posta en marcha doutras dúas destacadas convocatorias de galardóns culturais, que contan igualmente coa implicación económica e institucional da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude: os María Casares de teatro, que outorga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e os Martín Códax da asociación Músicas ao Vivo.