O Centro Dramático Galego estrea ‘A burra, a mesa e o pau’ con dirección de Lorena Conde e un elenco interxeracional de 15 intérpretes
Poderá verse no Salón Teatro de Santiago de Compostela do 6 de marzo ao 20 de abril cos habituais servizos de accesibilidade e de mobilidade desde 65 concellos das catro provincias
O espectáculo está ideado como unha fábula arredor dunha familia obreira galega, desexosa de atopar solucións máxicas para saír da súa precariedade

O Centro Dramático Galego estrea este xoves, na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, a primeira das súas producións propias de 2025, para a que conta cun amplo elenco interxeracional de 15 intérpretes baixo a dirección e a dramaturxia de Lorena Conde. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou canda o equipo artístico esta nova proposta da unidade teatral da Xunta de Galicia, que permanecerá en cartel ata o 20 de abril para ofrecer 34 funcións e as habituais campañas de accesibilidade e de mobilidade desde máis de 65 concellos das catro provincias.
López Campos incidiu na intensa actividade que, tras a celebración do seu 40º aniversario en 2024, continúa a manter o Centro Dramático Galego nestes primeiros meses de 2025 e que prolongará durante todo o ano. Ao tempo que pon en escena A burra, a mesa e o pau, avanza na preparación doutra nova produción propia que verá a luz en setembro, A serie clopen, e continúa a participar en numerosas coproducións en Galicia, como as recentemente estreadas na Cidade da Cultura dentro do ciclo Clásicas desfeitas, e en Portugal, onde vén de presentar xunto a ASTA Teatro un espectáculo sobre a figura de Rosalía de Castro.
Papel clave na cultura galega
Para o titular de Cultura do Goberno galego, o Centro Dramático Galego ten demostrado nestes preto de 41 anos de historia ser unha “ferramenta clave dentro da estrutura da Xunta para levar a cabo as políticas de fomento do feito escénico, da creación dramática en galego, do traballo co público e mesmo da maior proxección dos nosos profesionais e da nosa lingua”.
Neste sentido, lembrou que o recente informe da Fundación Contemporánea o sitúa entre as 10 entidades culturais máis valoradas en Galicia e fixo tamén mención ao documento O máis destacado da cultura galega segundo os seus xestores, publicado onte mesmo polo Consello da Cultura Galega, no que a compañía institucional se atopa igualmente entre as máis referenciadas no ámbito escénico.
Produción de gran formato
Así mesmo, salientou que todos estes valores van seguir moi presentes na programación que a unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolverá durante 2025, así como na mesma esencia de A burra, a mesa e o pau e de todas as actividades e servizos que complementan este produción de gran formato.
Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, acompañaron o conselleiro nesta presentación, na que tamén interviñeron en representación do equipo a directora da montaxe, Lorena Conde, e a actriz Arantza Villar.
A burra, a mesa e o pau preséntase como unha fábula arredor dunha familia obreira galega que mantén, segundo a directora, a “esperanza teimuda” nun golpe de sorte ou solución máxica para saír da precariedade na que vive a pesar da loita e o esforzo diarios.
Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar conforman o elenco deste “conto de fadas” sobre a clase obreira, no que conviven nomes cunha ampla e recoñecida traxectoria teatral con outros que se están abrir camiño nos escenarios, nun intercambio e enriquecemento interxeracional que se traslada tamén ás táboas.
Para esta proposta, Lorena Conde acompañouse, ademais, de Inés Salvado Gontad na asistencia de dirección e tamén na música xunto con Cibrán Seixo, de Carmen Casal (quen se ocupa así mesmo da caracterización), José Faro, Montse Piñeiro e María Torres Piñeiro no deseño do espazo escénico, iluminación, videocreación, vestiario e aderezos, Amparo Martínez no movemento escénico e coreografía, Raquel Crespo e Neme Vázquez na confección do vestiario e Keka Losada na asistencia de produción.
Como en todas as producións da compañía pública, as realizacións e traballos técnicos correspóndelles ao equipo propio do Centro Dramático Galego, que desta volta contou tamén coa colaboración da Filmoteca de Galicia na cesión de imaxes de películas do noso patrimonio fílmico.
Consolidación dos servizos de accesibilidade e mobilidade
A posta en escena de A burra, a mesa e o pau continuará avanzando no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa inclusión, a mobilidade e a descentralización, en liña, tal e como explicou o conselleiro, cos obxectivos da recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. A este respecto, as funcións no Salón Teatro dispoñen de interpretación a linguaxe de signos e subtítulos para o teléfono, dun programa de lectura fácil e, nas sesións descontraídas dos mércores, o acondicionamento especial da sala. Ao tempo, consolídase a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que facilita servizo gratuíto de autocares para ver o espectáculo e á que se sumaron ata o momento 65 concellos das catro provincias.
As entradas para as funcións de A burra, a mesa e o pau, programadas de mércores a domingos ás 18,00 h., poden adquirirse tanto na web ataquilla.com como no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para determinados colectivos e mais os domingos, Día do Espectador.
- Entradas á venda en ataquilla