Share

A Xunta convoca as axudas para a programación dos concellos das rutas xacobeas ao abeiro do circuíto Cultura no Camiño

O DOG publica hoxe as bases das subvencións para a contratación de actuacións escénicas e musicais no marco da oitava edición desta iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo

O prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata o 30 de marzo

A Xunta convoca as axudas para a programación dos concellos das rutas xacobeas ao abeiro do circuíto Cultura no Camiño

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das subvencións do programa Cultura no Camiño 2020. Poden optar a elas as entidades locais polas que discorren as diferentes rutas xacobeas para a contratación das actuacións escénicas e musicais que teñan lugar ao abeiro da oitava edición deste circuíto, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia.
O crédito global destas subvencións é de 230.000 euros, que lles serán adxudicados ás entidades solicitantes en réxime de concorrencia non competitiva. O prazo de solicitude para os concellos interesados en participar na convocatoria deste ano estará aberto desde mañá e ata o 30 marzo na sede electrónica da Xunta.
 
Últimos días para as propostas artísticas
En paralelo, a Agadic mantén aberta ata o 2 de marzo a convocatoria de inscrición de propostas artísticas para aquelas formacións galegas de carácter profesional (compañías escénicas ou grupos de música) que queiran formar parte do catálogo ao que accederán os programadores dos concellos. A partir del, deseñarán as súas carteleiras dentro de Cultura no Camiño, que se desenvolverán entre o 1 de maio e o 30 de setembro deste ano. Neste caso, o trámite realízase na web www.galescena.gal.
 
Como en anos anteriores, as bases das subvencións do programa Cultura no Camiño establecen como obxectivo contribuír á dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, dándolle resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos–, que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos. Segundo o texto, búscase así mesmo contribuír a impulsar a contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia.
 
A resolución publicada hoxe no DOG sinala tamén que o financiamento das actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia contratadas ao abeiro de Cultura no Camiño asumirase de xeito compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade: a subvención será dun máximo de 3.500 euros para os concellos de máis de 20.000 habitantes e de ata 2.500 euros para os que teñan unha poboación menor.
 
Poderán solicitar este apoio todos os concellos situados nalgunhas das rutas xacobeas recoñecidas oficialmente (Camiño Francés, de Fisterra e Muxía, Vía da Prata, Inglés, Primitivo, do Norte, de Inverno, Portugués, Portugués da Costa e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla), tendo en conta que estas axudas son incompatibles coa adhesión aos programas Xacobeo en Camiño e Xacobeo Cidades, tamén da Consellería de Cultura e Turismo.