Share

Os Premios Martín Códax abren convocatoria co apoio da Xunta para recoñecer 20 proxectos musicais galegos

A Asociación Músicas ao Vivo presentou hoxe a sétima edición dos galardóns que organiza, para a que recibirá propostas entre o 1 e o 15 de marzo

Entre as novidades deste ano están a creación dunha categoría destinada ás bandas de música populares, a separación en dúas da anterior modalidade folk/tradicional e a modificación do sistema de votacións

Os premiados daranse a coñecer nunha gala que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro 6 de maio

Os Premios Martín Códax abren convocatoria co apoio da Xunta para recoñecer 20 proxectos musicais galegos

A sétima edición dos Premios Martín Códax da Música, que conta co apoio económico da Xunta de Galicia, bota a andar coa apertura do prazo de recepción de propostas entre o 1 ao 15 de marzo e con varias novidades nunha convocatoria destinada a recoñecer 20 proxectos musicais galegos.A creación dunha categoría dirixida especificamente a bandas de música populares, a separación en dúas da anterior modalidade folk/tradicional) e un sistema de votacións diferente ao dos últimos anos son as principais achegas desta nova edición.
 
Así o anunciaron hoxe os representantes da Asociación Músicas ao Vivo, organizadora dos premios, nun acto celebrado esta tarde na Sala Sónar de Santiago de Compostela que incluíu a actuación en directo do cantante Brais Morán e a intervención das principais entidades colaboradoras: a Xunta de Galicia, as Bodegas Martín Códax, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial de Pontevedra. 
 
Evolución en positivo
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación, na que deixou testemuño do apoio do Goberno galego  a estes galardóns desde o seu nacemento. Expresou, ademais, a súa satisfacción pola evolución dos premios "sempre cara adiante e en positivo,  nunha traxectoria que medrou parella á propia asociación profesional que os creou e os impulsou,  á que lle temos que agradecer o seu tesón e capacidade para a súa impecable organización ano tras ano". “Os premios son, en definitiva, unha cara máis (e cun potencial de proxección moi destacado) do bo momento que está a vivir a música en directo”, engadiu.
 
Neste sentido, destacou a representatividade probada e o peso específico actual de Músicas ao Vivo, trazos que a lexitiman −explicou­−como unha das interlocutoras principais coa Administración á hora de decidir e de levar a cabo as distintas políticas que inciden na música en directo.
 
Os Premios Martín Códax da Música teñen por obxectivo visibilizar e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais  e de todo o sector musical galego. Este ano serán 20 proxectos os galardoados, xa que se convocan 17 categorías, dúas máis que en 2019, e tres premios Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación. Tamén se fará entrega dun premio honorífico, decidido pola directiva de Músicas ao Vivo,  que será anunciado proximamente.
 
Outra novidade importante será o sistema de votacións, xa que se inverte a orde de emisións de voto para que sexa un xurado profesional quen faga unha primeira selección. A partir desta escolma, abrirase un segundo período de votación por parte de todas as persoas asociadas a Músicas ao Vivo, que decidirán deste xeito a fase final.
 
A gala de entrega terá lugar o 6 de maio no pazo da Cultura de Pontevedra e contará coa dirección artística do actor e director teatral Gustavo Dieste. Ese día, os galardoados recibirán os tradicionais melómanos, as esculturas de madeira creadas por Víctor Lorenzo como trofeo oficial dos Premios Martín Códax da Música.

-Web dos Premios Martín Códax da Música