Share

A Xunta contribúe á produción da ópera ´Carmen´ como prato forte da 73ª Temporada Lírica da Coruña

Renóvase o convenio anual coa Asociación Amigos de la Ópera para apoiar o labor de promoción e difusión musical que desenvolve neste ámbito a entidade decana das asociacións líricas españolas

A obra mestra de Bizet representarase a primeiros de setembro con Gianluca Martinenghi na dirección musical e Calixto Bieito na escénica

O Consello da Xunta autorizou hoxe a renovación da colaboración anual coa Asociación Amigos de la Ópera de A Coruña, que en 2025 implica unha achega de 160.000 euros para a organización da 73ª Temporada Lírica da cidade herculina coa posta en escena de Carmen, de Bizet, como prato forte. Este apoio materializarase mediante a sinatura do correspondente convenio, a través do cal o Goberno galego mantén o seu compromiso co labor de promoción e difusión que, neste ámbito musical, vén desenvolvendo desde hai máis de 70 anos o colectivo coruñés, entidade decana das asociacións líricas españolas.

A implicación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nesta iniciativa posibilitará que o público galego poida gozar da posta en escena da ópera Carmen, obra mestra de Georges Bizet, no ano en que se conmemora o 150º aniversario da súa estrea e do pasamento do afamado compositor francés.

Para esta gran produción, que se poderá ver no Pazo da Ópera coruñés a primeiros de setembro, contarase con Gianluca Martinenghi como director musical, con Calixto Bieito como director de escena e coa mezzosoprano Sofija Petrovic á cabeza dun elenco de primeiro nivel. Esta será un dos principais acontecementos na programación de 2025 da Temporada Lírica, que a organización presentará a finais de maio e que, como en anos anteriores, ofrecerá numerosas citas musicais e formativas durante todo o outono.

A través deste apoio, búscase contribuír a unha maior e mellor difusión da música lírica e a reforzar o papel da Temporada Lírica da Coruña como referente galego e mesmo estatal non só polas súas grandes producións operísticas, senón tamén polo seu traballo de divulgación e creación de públicos. Neste sentido, é igualmente relevante o seu labor como unha das principais plataformas para a proxección de cantantes, compositores e músicos galegos neste ámbito, en convivencia con destacadas figuras a nivel nacional e internacional.