O Centro Dramático Galego e Mariña Lestón coproducen un espectáculo sobre a Costa da Morte que percorrerá o litoral con 17 funcións
- ‘Costa da Morte, cartografía dun naufraxio’ estréase o 5 de xuño na Guarda como inicio dunha ampla xira por espazos singulares de toda a costa galega
- Esta proposta multidisciplinar, dirixida tanto a público adolescente como adulto, formúlase como unha viaxe pola historia marítima de Galicia a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo

Diferentes espazos singulares ao longo do litoral de Galicia serán o escenario dunha nova coprodución teatral do Centro Dramático Galego que, baixo o título Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, ten xa programadas 17 representacións entre os meses de xuño e xullo. A creadora Mariña Lestón asina a dramaturxia, dirección e produción desta montaxe, que ela mesma pon en escena para propoñer unha viaxe pola nosa historia marítima a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo.
A implicación da compañía da Xunta neste proxecto multidisciplinar insírese na súa aposta para achegar o teatro a todo o territorio, seguindo a liña dos obxectivos fixados na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e como se fixo na campaña desenvolvida o pasado verán xunto a Teatro ó Cubo e o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre, que percorreu un cento de espazos non convencionais do rural galego.
Da Guarda a Ribadeo
Desta volta, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio busca poñer en valor o pasado marítimo de Galicia como parte dunha identidade propia, atopándose co público en faros, peiraos, praias e outros lugares de numerosas localidades costeiras no transcurso dunha xira que arrancará o vindeiro 5 de xuño na Guarda e durante a que poderá verse tamén en Ares, Arteixo, Cariño, Cedeira, Fisterra, Foz, Neda, O Grove, O Rosal, Ortigueira, Outes, Ribadeo, Sanxenxo, Soutomaior, Valdoviño e Viveiro.
Natural de Fisterra, Mariña Lestón medrou escoitando historias dos naufraxios ocorridos na súa zona, a Costa da Morte, que agroman agora nesta creación co obxectivo de manter viva esta memoria colectiva, lembrando as persoas que xa non están e dándolles visibilidade ás que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron…
Para levar a escena esta proposta, pensada para público adolescente e adulto, conta coas achegas de destacados nomes do teatro galego, como Vanesa Sotelo, no apoio á dramaturxia; Cristina Domínguez, na asistencia vocal, e Carlos Alonso, na escenografía e vestiario. Ademais, o realizador Anxo Beiro asina a imaxe e audiovisuais do espectáculo, mentres que Xaime Beiro se encarga das proxeccións e o deseño gráfico. Jorge Álvarez, quen exercerá tamén de técnico en xira, é así mesmo o responsable da iluminación.
Tras a súa estrea o 5 de xuño ás 20,30 h. no Centro Cultural da Guarda, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio poderá verse ese mes no peirao de Arcade (Soutomaior); o día 6 ás 21,30 h.; no espazo museístico Estaleiro do Ciprián (Outes) o día 7 ás 22,30 h.; nas inmediacións do faro de Punta Frouxeira (Valdoviño), o día 13 ás 22,00 h., na praza do Mar de Sanxenxo, o día 14 ás 22,30 h., na praza do Náufrago de Celeiro (Viveiro), o día 20 ás 22,30 h., na praza de Rinlo (Ribadeo), o día 21 ás 22,00 h., no Museo do Mar de Sorrizo (Arteixo), o día 27 ás 20,00 h., no paseo marítimo de Sardiñeiro (Fisterra), o día 28 ás 22,00 h. e no miradoiro de Monte de Ancos (Neda), o día 29 ás 22.30 h.
Xa en xullo, o espectáculo ten programadas funcións no faro de Cabo Ortegal (Cariño), o día 4 ás 22,30 h.; no porto de Espasante (Ortigueira), o día 5 ás 22,00 h.; na praza Conde de Fontao de Foz, o día 6 ás 22,00 h.: na praza de San Xián do Rosal, o día 8 ás 22,00 h., no Museo das Salgadeiras de Moreiras (O Grove) o día 10 ás 22,00 h., no parque Rosalía de Castro de Ares, o día 11 ás 22,30 h; e no Castelo da Concepción de Cedeira, o día 12 ás 22,30 h.
Estes lugares emblemáticos e cargados de historia ofrecen un escenario inmersivo que permitirá conectar o público co pasado a través desta montaxe, na que a música e as imaxes potenciarán tamén unha experiencia sensorial e emocional.