Share

A Xunta contribúe á celebración en liña do sétimo Carballo Interplay a través das axudas a festivais audiovisuais

Esta edición do certame de contidos dixitais ofrecerá ata o vindeiro sábado unha trintena de producións de 14 países, que poden seguirse gratuitamente por YouTube, Facebook e Twitch

O director da Agadic interveu na apertura do encontro, onde salientou a capacidade de reacción e adaptación dixital dos festivais galegos do sector

A Xunta contribúe á celebración en liña do sétimo Carballo Interplay a través das axudas a festivais audiovisuais

O Carballo Interplay celebra ata o vindeiro sábado 21 a que é a súa primeira edición íntegra en liña, para a que conta co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual de subvencións a festivais do sector audiovisuais, da que en 2020 resultaron beneficiarios 13 certames especializados en diferentes xéneros e formatos. Neste caso, a sétima edición do certame carballés de contidos dixitais ofrecerá unha trintena de producións de 14 países, así como diferentes encontros temáticos, que poden ser seguidos de xeito gratuíto na web por YouTube, Facebook e Twitch.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou a pasada noite na apertura do evento mediante unha videoconferencia compartida cos organizadores e co resto de entidades colaboradoras. Na súa intervención, gabou a capacidade de reacción e adaptación dixital dos festivais diante da situación provocada pola covid-19, nun esforzo que conta co apoio da Administración autonómica a través das medidas específicas para o audiovisual galego do Plan de reactivación do sector cultural.
 
Adaptación das axudas
Entre elas, Sutil detívose na adaptación das devanditas subvencións para facilitarlles aos festivais o cumprimento dos requisitos. Con tal fin, ampliáronse prazos, incluíronse como gastos subvencionables os incorridos antes de mediados de marzo e non recuperables como consecuencia do primeiro estado de alarma e habilitouse a posibilidade -como neste caso- da súa celebración en liña. Así mesmo, a Xunta incrementou nun 11% a dotación desta convocatoria para chegar aos 190.000 euros, dos que o Carballo Interplay resultou adxudicatario de preto de 23.800 euros.
 
Tras esta inauguración, que incluíu a estrea da webserie Xan, de Lucía Estévez, o programa previsto para hoxe deu comezo cunha sesión dedicada ás Mulleres nos videoxogos e eSports e mais a presentación da serie documental Nerfeadas, á que seguiu un percorrido guiado polas etapas e xeracións do Youtube galego.
 
Xa pola tarde, será a quenda de En galego, en construción. Pitching de proxectos de webseries, durante o que os catro finalistas desta convocatoria teñen 10 minutos para defender as súas propostas diante dun xurado co obxectivo de gañar 3000 euros para a súa produción.
 
A continuación, o Encontro Podgalego porá o foco nalgúns dos máis interesantes podcasts da actualidade, especializados en divulgación de ciencia, música, videoxogos, política ou emigración, da man de Isaac González (Podgalego), Iria Veiga (Sónica CuánticaBurán), Carlos Pereiro (A gruta de Gizamaluke) e Té con Gotas.
 
Na xornada de hoxe desenvolverase, así mesmo, a competición oficial de series dixitais VO Galego, con sete títulos a concurso: @Destapando_CasaresOs 20 do XXCapitán BreománSave e amigosMataría microserieAdegas da Memoria e S.E.X. Esta sesión só poderá ser seguida en directo, ao igual que a estrea de Amnesia 3.0, de Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin, primeira webserie interactiva galega e gañadora do pitching 2019. Canto aos apartados internacional e estatal da Sección Oficial, emitiranse do mesmo xeito mañá e o sábado en diferentes horarios.
 
A programación deste VII Carballo Interplay complétase con cadansúa sesión dedicada ás Tecnoloxías para a (re)construción de mundos virtuais, con Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr), e aos Festivais en tempos de distancia social e multipantalla, con Ana Domínguez (S8), Ángel Sánchez (Play Doc) e Sonia Méndez (Carballo Interplay), así como con outros podcast en directo e coa gala de clausura, dirixida por Sandra Lesta e presentada por Xosé Barato.

-Carballo Interplay