A Xunta colabora coa asociación Músicas ao Vivo na sexta edición dos Premios Martín Códax da Música

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a presidenta da asociación Músicas ao Vivo, Sonia Lebedynski, asinaron un convenio mediante o que a Xunta renova o seu apoio á organización dos Premios Martín Códax da Música, que este ano alcanzan a súa sexta edición consolidados como unha das principais plataformas para lle dar recoñecemento social ao traballo dos profesionais da música en Galicia.
Mediante a súa achega económica, a Agadic colaborará con diferentes accións vinculadas á convocatoria destes galardóns, que contemplan 15 categorías para os máis variados estilos musicais, ademais dun premio honorífico e de tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación musical. A gala de entrega terá lugar o vindeiro 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.