A Xunta colabora co ‘European Writers Club’ para a participación de oito guionistas de Galicia nunha formación intensiva en Madrid
Os profesionais seleccionados terán a oportunidade de explorar novas vías para unha maior proxección exterior das súas historias da man de representantes de destacadas produtoras, canles de televisión, plataformas e axencias de venda internacionais

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a apertura do curso intensivo Creación de series que poidan viaxar, que se celebra ata o mércores no marco do programa European Writers Club, coa asistencia de oito guionistas galegos: Héctor Carré, Simón Casal, Ángel Filgueira, Lidia Fraga, Eva Pérez Misa, Anita Pico, Irene Pin e Fernando Tato. A súa participación canda a outros oito profesionais madrileños é froito da colaboración que a Xunta mantén con esta iniciativa europea, da que foi unha das entidades fundadoras, co fin de promover a colaboración internacional na xeración de contidos audiovisuais para televisión e plataformas.
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, intervíu na apertura deste obradoiro xunto aos representantes do Ayuntamiento de Madrid e do European Writers Club. Na súa intervención, Ramos destacou o “apoio firme e decidido do Goberno galego ao sector audiovisual”. Ademais fixo referencia á exposición aberta este mes de setembro na Casa de Galicia Unha noite revelada, La casa de la Troya 1925-2025. O director lembrou que se trata dunha das primeiras producións do audiovisual galego, e que hai 100 anos xa levou o nome de Galicia por todo o mundo.
Luis E. Ramos rematou as súas palabras explicando que “o cine é unha das mellores ferramentas” para cumprir cos obxectivos da representación da Xunta en Madrid: a difusión da lingua e da cultura galegas, e a promoción da economía e do turismo de Galicia.
Desenvolvemento das xornadas
Da man de responsables de destacadas produtoras, canles de televisión, plataformas e axencias de venda europeas, os 16 profesionais seleccionados neste taller afondarán no uso de ferramentas clave para o deseño de audiencias e de formatos, co foco posto non só no desenvolvemento dos proxectos, senón tamén en como conseguir unha maior proxección exterior sen perder a identidade cultural propia.
Esta formación desenvólvese en paralelo ás actividades do curso Bridging Generations que organiza estes días en Madrid o European Writers Club, programa que conta co apoio da Comisión Europea dentro da súa iniciativa Writing European.