A Xunta apoia unha nova edición do ‘TRC Danza’ con 12 espectáculos e un programa de mediación pioneiro en España
A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude patrocina diferentes actividades deseñadas arredor das propostas escénicas e co foco posto no fomento e na consolidación de públicos
A carteleira ábrese o sábado 5 de abril coa estrea absoluta de ’Para que non me deixes aquí soa’, de Julia Laport, con subvención autonómica á creación escénica
A través da Rede Galega de Teatros cofináncianse as funcións de ‘Perder a lingua’, de Eva Comesaña, ‘Xavier a través de min’, de Félix Fernández e ‘Transeúnte’, de Daniel Rodríguez en coprodución co Centro Coreográfico Galego

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña co apoio da Xunta para promover as artes do movemento, no que se inclúen 12 espectáculos e 46 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. Trátase da carteleira para 2025 que, como cada ano, se vai articular en dous bloques temporais de primavera e outono.
Na parte de exhibición desta iniciativa ofrécense catro funcións cofinanciadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa o Goberno galego e que, para no caso da Coruña, inclúe máis de 85.000 euros anuais para contribuír á actividade do Teatro Rosalía e do Fórum Metropolitano. En TRC Danza cofináncianse a estrea absoluta de Para que non me deixes aquí soa, de Julia Laport; Perder a lingua, de Eva Comesaña (as dúas con subvención autonómica á creación escénica); Xavier a través de min, de Félix Fernández; e Transeúnte, de Daniel Rodríguez en coprodución co Centro Coreográfico Galego.
Reforzar vínculos co público
O apartado de mediación conta tamén cun patrocinio específico para as actividades propostas. O seu obxectivo é dar a coñecer dunha forma máis profunda o traballo das compañías e artistas, potenciando a súa visibilidade e reforzando os seus vínculos co público.
Dentro da estratexia de impulso a esta disciplina, nesta edición do TRC Danza serán 46 as accións desenvolvidas, xa que cada un dos 12 espectáculos programados xerará tres citas encamiñadas ao fomento e consolidación de públicos. A creación de contexto a través de textos elaborados por especialistas, a implicación das compañías e artistas en sesións prácticas previas e as conversas co público tras as funcións son os eixos que concretan TRC Mediación.
Así o explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen se referiu a TRC Danza como proxecto pioneiro en España pola súa celebración desde o ano 2013 e co apoio da Administración autonómica desde a súa primeira edición. “Estamos vendo notables avances na normalización dunha expresión artística na que Galicia comeza a destacar polo seu nivel creativo, de produción e de interpretación, grazas á activación de diversas liñas de acción que parten do Plan Integral para a Danza de Galicia”, engadiu.
Apoio á creación e proxección da danza galega
Jacobo Sutil enumerou outros apoios como a colaboración da Xunta en proxectos como as residencias Atopémonos bailando e Paraíso, os festivais Abanea e 6Coreógrafas ou o proxecto A Casa Vella, así como a protección especial á danza nas convocatorias de subvencións e nas dinámicas de programación dos circuítos de espectáculos que se impulsan desde o Goberno galego. Citou tamén o acordo renovado coa emblemática mostra Dansa València, en virtude do que dúas figuras da danza galega actual, como son Daniel Rodríguez e Colectivo Glovo, actuarán no certame que se desenvolverá en abril.
A programación de TRC Danza 2025 arranca o vindeiro 5 de abril no Teatro Rosalía Castro coa estrea absoluta de Para que non me deixes aquí soa, a nova montaxe de Julia Laport, creada coas axudas á creación escénica do Goberno galego e na que explora as interseccións entre o fermoso e o grotesco. Xa máis preto do 29 de abril, Día Internacional da Danza, pisarán o mesmo escenario outros dous espectáculos: Unha Eva e un Adán, da compañía danesa Granhøj Dans (26 de abril), cunha proposta que presenta a nudez corporal no escenario coma un contrapunto ás imaxes que se proxectan nas redes sociais nestes tempos; e Transeúnte (30 de abril), na que Daniel Rodríguez, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, establece un diálogo entre música, canto e danza tradicionais coa danza contemporánea, nunha experiencia multisensorial onde se entrelazan corpo e tecnoloxía.
O 10 de maio chegará Sobre o extravío ou a arte de perderse, a nova produción de Nuria Sotelo que tamén obtivo apoio da Xunta a través das residencias de A Casa Vella. O espectáculo é un só de danza teatro sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder ou de perderse. A oferta para esta primavera complétase coas pezas Mónica, na que Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld profundan na historia das súas nais, ambas chamadas Mónica (16 de maio), e Perder a lingua, de Eva Comesaña Cía. (30 de maio), unha proposta que combina danza, voz e videocreación e que foi creada grazas ás axudas á nova creación 2024 promovidas desde as Industrias Culturais.
Seis espectáculos máis no outono
Para a programación de outono, TRC Danza presenta as interrogantes sobre o folclore que formula Alberto Velasco en Mover montañas (20 de setembro), He aquí un acto romántico, do creador canario Richard Mascherin (11 de outubro), Double Infinite, da compañía Mal Pelo (25 de outubro), La Mecánica de l’Infortuni, do dúo formado pola francesa Clémentine Telesfort e o catalán Lisard Tranis (31 de outubro), Norma, unha fantasía distópica de Antonio Ruz (22 de novembro) e pecha o ciclo Xavier a través de min, do galego Félix Fernández, apoiado a través das axudas concedidas ao programa de residencias Atopémonos Bailando e A Casa Vella.