Share
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude acompañou un grupo de escolares do colexio Apóstolo Santiago nunha visita guiada ao Salón Teatro

López Campos celebra o Día do Teatro “incentivando o gusto polas artes escénicas das novas xeracións”

O percorrido realizado hoxe enmárcase no programa Os segredos do Salón Teatro que organiza o Centro Dramático Galego, a compañía pública da Xunta

Destaca a importancia de “poñer en valor esta profesión e as súas múltiples facetas, promovendo iniciativas que creen novos públicos”

Ademais, esta tarde, ás 18,00 horas, asiste á representación de A burra, a mesa e o pau, produción propia que se representa en Santiago ata o 20 de abril

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañou hoxe un grupo de escolares do colexio Apóstolo Santiago nunha visita organizada pola Xunta ao Salón Teatro, sede da unidade teatral pública, para “celebrar da mellor maneira o Día Mundial do Teatro, coa cativada, creando novos públicos e incentivando o gusto polas artes escénicas das novas xeracións”.

Así, o representante do Goberno galego destacou a importancia de “promover iniciativas como esta para que os máis pequenos coñezan de cerca como funciona este mundo da escena e saiban apreciar tanto o que se ve como o que non se ve”, en referencia ao programa escolar Os segredos do Salón Teatro no que se enmarcou esta visita do alumnado de 6º de primaria do centro compostelán ás instalacións da unidade teatral da Xunta.

Ademais, López Campos aproveitou esta xornada para “poñer en valor esta profesión e as súas múltiples facetas” como son a dirección, a interpretación, a escenografía, a iluminación, o son, a tremoia, a rexedoría, o vestiario ou produción, entre outras. Lembrou tamén que, precisamente un dos obxectivos destes percorridos guiados “é incidir na necesidade de rachar cos roles e cos estereotipos de xénero”. Ao tempo, a proposta ofrécelles aos estudantes unha aproximación á historia do teatro profesional da Comunidade, da que o Centro Dramático Galego é parte fundamental, lembrando espectáculos, compañías e grandes intérpretes que se subiron ás táboas do Salón Teatro tras a súa recuperación como espazo escénico por parte da Xunta de Galicia en 1999.

Deste xeito, a través do devandito programa, aberto a centros de primaria e secundaria de toda Galicia, o alumnado goza da oportunidade de se adentrar nos espazos teatrais que non adoitan abrirse ao público, como o peite, os camerinos, a xastrería ou a cabina de control, para coñecer o seu funcionamento, a produción dun espectáculo e os diferentes oficios artísticos e técnicos nel implicados.

O responsable autonómico de Cultura estivo acompañado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, neste percorrido polo edificio da rúa Nova, onde esta mesma tarde asistirán a unha das representacións da primeira das producións propias que a compañía pública pon en escena este 2025, o espectáculo A burra, a mesa e o pau.

Función A burra, a mesa e o pau

Lorena Conde asina a dirección e a dramaturxia de A burra, a mesa e o pau, que se representa no Salón Teatro ata o 20 de abril, con funcións de mércores a domingos, ás 18,00 horas. As entradas poden adquirirse na web ataquilla.com e no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto os días de función desde as 16,00 horas.

Un elenco de 15 actores e actrices (Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar) interpreta esta montaxe, ideada como unha fábula arredor dunha familia obreira galega desexosa de atopar solucións máxicas para saír da súa precariedade.

No marco do compromiso que a compañía pública mantén coa inclusión, a mobilidade e a descentralización en liña tamén coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, o Salón Teatro dispón para estas representacións de interpretación en lingua de signos , subtítulos para os dispositivos móbiles, programa de lectura fácil e, nas sesións descontraídas dos mércores, o acondicionamento especial da sala.

Tamén se consolida a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que facilita servizo gratuíto de autocares para ver o espectáculo e á que xa se sumaron 65 concellos das catro provincias.