Share

A Xunta apoia os xéneros circenses e as accións solidarias que desenvolverá o Festiclown do 17 ao 25 de agosto en Vilagarcía

O encontro foi beneficiario dunha subvención de 15.600 euros a través da convocatoria da Agadic a festivais escénicos

A carteleira deste ano centrarase na parte máis lúdica e divertida das artes propias do circo, polo que adopta o título de Festaclown 2019

A Xunta apoia os xéneros circenses e as accións solidarias que desenvolverá o Festiclown do 17 ao 25 de agosto en Vilagarcía

O Festiclown presentou hoxe en Vilagarcía de Arousa a súa edición de 2019, que terá lugar do 17 ao 25 de agosto cun programa arredor da exhibición e da reivindicación das artes circenses, ademais de actividades formativas e accións sociais e solidarias. Os organizadores do evento, que conta con subvención da Xunta de Galicia, enxalzan este ano a compoñente máis lúdica e divertida do xénero sen desbotar o compromiso social, polo que o renomean como Festaclown para despregar unha carteleira internacional polas rúas e prazas, ademais de desenvolver actividades solidarias.
 
Na rolda de prensa participou este mediodía o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen explicou que a axuda prestada pola Consellería de Cultura e Turismo ao evento concrétase nuns 15.600 euros, contía adxudicada a través da convocatoria das subvencións para festivais escénicos á sociedade cooperativa Culturactiva, organizadora do certame xunto co Concello de Vilagarcía.
 
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, o cordinador do Festiclown, Nacho Fungueiriño, e demais representantes de entidades públicas e privadas colaboradoras tamén interviñeron na presentación, que incluíu unha conexión por videoconferencia co bufón italiano Leo Bassi, estrela dunha carteleira internacional que completan Mago Teto, Vol’e Temps, Píscore, Patty Diphusa, Kanbaiota, Miguel de Lucas, Cía Vaya, Mireia Miracle, Almar&Cía, Sempre Arriba, Muu, AsSircópatas, Isla Letriska ou Kanbahiota, entre outras compañías.
 
O apartado social inclúe os colectivos Pallassos en Rebeldía, Amencer, Clámide, Asociación con Eles e O Soño de Lilith. Tamén se ofrecerá un programa formativo, o Formaclown, que desta volta tratará sobre a aplicación de técnicas bufonescas, ademais da conferencia-coloquio que ofrecerá Leo Bassi sobre a utilización do teatro como ferramenta política.

-Web do Festiclown