Share

A Xunta apoia o SonRías Baixas de Bueu mediante as subvencións a festivais e o patrocinio da marca FEST Galicia

O director da Agadic participou hoxe na presentación da 17ª edición do evento, que terá lugar en Bueu do 1 ao 3 de agosto, e que resultou adxudicatario de 27.000 euros da convocatoria de axudas anuais

A marca creada pola Consellería de Cultura e Turismo contará cun espazo propio para a difusión de programas a prol da igualdade, do uso da lingua galega, do respecto medioambiental e de valores positivos para a mocidade

FEST Galicia dálles soporte tamén ás pulseiras ‘cashless’ do evento, un dos 12 adheridos á segunda edición deste plan transversal da Administración autonómica para promover o noso territorio como destino musical de calidade

A Xunta apoia o SonRías Baixas de Bueu mediante as subvencións a festivais e o patrocinio da marca FEST Galicia

O festival Sonrías Baixas presentou hoxe en Bueu a súa 17ª edición, que se celebrará na vila pontevedresa do 1 ao 3 de agosto cun dobre apoio da Xunta, xa que o evento resultou adxudicatario das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo e é tamén un dos 12 encontros patrocinados na segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic9, Jacobo Sutil, no acto que tivo lugar hoxe no recuperado estaleiro de Purro, e no que participaron tamén Jordi Lauren e Berta Domínguez, directores do festival, xunto ao resto de representantes das institucións e entidades implicadas.
 
Sutil especificou que o festival recibe este ano preto de 27.000 euros a través da liña de axudas da Agadic para este tipo de eventos musicais, dotada con 340.000 euros e da que se benefician outros 16 festivais. Detallou, así mesmo, as medidas de apoio adicionais nas que se materiualizará a adhesión do SonRías a FEST Galicia, que este ano se presenta baixo o lemacomún Festivais que fan camiño. Ademais de SonRías Baixas, o calendario de FEST Galicia 2019 comprende os xa celebrados Resurrection Fest, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán e as citas que restan de aquí a setembro: Sinsal, Atlantic Fest, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST, estes dous últimos como novas incorporacións. Formar parte de FEST de Galicia, suponlles acceder ao reparto de 350.000 euros cos que está dotada esta iniciativa, a través da sinatura de contratos de patrocinio.
 
Así, no caso do SonRías Baixas, a marca da Xunta dálle soporte a un dos escenarios, que acollerá a SÉS, Zea Mays, Ninhodelosrecaos DJ e unha última banda sorpresa que se desvelará nos próximos días. O festival contará tamén con La Pegatina, La M.O.D.A., Toteking, Iseo & Dodosound with the moushunters, Boikot, Nao, Segismundo Toxicómano, Periferia Norte, Zoo, Dubioza Kolektiv, Muyayo Rif, Dakidarría, Hakuna Tanaka, Som do Galpóm, Nius de nit e Ambigüo. En total poderanse escoitar nos tres días que durará o festival 19  bandas, máis que en ningunha das anteriores edicións. A programación complétase con experiencias gastronómicas e enolóxicas, e rutas de turismo activo.
 
Ademais, FEST Galicia patrocina as pulseiras cashless do festival, que permiten o acceso e serven como medio de pago. Incorporan o control de aforo continuo a través da tecnoloxía RFID, o que ofrece datos que permitirán optimizar a seguridade, así como analizar parte do impacto do evento. A repercusión económica, social e mediática  SonRías xa fora analizada o pasado ano como parte das accións de FEST Galicia, o que deu como resultado un informe que cifrou en 1,14 millóns de euros o seu impacto en toda a comarca do Morrazo.   
 
O director da Agadic indicou tamén que a marca contará cun espazo propio de difusión, renovado e versátil, que funcionará como epicentro de campañas de concienciación social e medioambiental impulsadas a través daConsellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.
 
Sensibilización medioambiental
Oespazo FEST Galicia albergará o sábado 3 un punto informativo de Medio Ambiente, no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentablesno que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas.Por outra banda, e en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, organizarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.
 
Igualdade
O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións desta segunda temporada FEST Galicia, que apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, ademais de accións en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade enmarcadas na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Persoal formado neste ámbito difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalarán tótems coas mensaxes da campaña. Ademais, o sábado 2, de 12,30 a 14,30 h., desenvolverase o obradoiro Machismos Off, no que as persoas asistentes terán que identificar conductas machistas que asumimos como habituais e visibilizalas nunha pizarra como primeiro paso para loitar contra elas. Tamén poderán comentalas a través das súas redes sociais cos hashtags #MachismosOFF #FestGalicia2019.
 
Galego e xuventude
O usoda lingua é outro dos ámbitos nos que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. O venres, a partir das 20,00 h., o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Realizarase tamén o concurso Pasa a palabra no que ademais de divertirse e adiviñar verbas en galego, os mozos e mozas participantes terán oportunidade de facerse con sombreiros e bolsas, ademais de optaren a unha bicicleta eléctrica, que se sorteará entre todas as persoas gañadoras de cadanseu festival ao final da temporada.
 
O sábado, de 20,00 a 22,00 h., desenvolveranse outras accións dirixidas á mocidade, como a centradas nunha actividade lúdico-formativa na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta. A medida que as persoas participantes vaian acertando preguntas conseguirán diferentes premios como pulseiras, camisetas ou bolsas de tea. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil será o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

-Web do festival SonRías Baixas