A Xunta apoia a organización da gala dos Premios María Casares, que se entregan o día 21 co circo como fío condutor
Juanillo Esteban e Carlos Sante dirixen a cerimonia da vixésimo terceira edición dos galardóns do teatro galego, que terá lugar na Coruña
Os espectáculos Commedia, de Contraproducións, Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, e A leituga, de Emedous, encabezan a listaxe de candidaturas
O mundo do circo e do clown será o fío condutor da gala de entrega dos XXIII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa colaboración económica da Agadic, entre outros apoios. Así o adiantou hoxe a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que como cada ano convoca estes galardóns como recoñecemento público ao traballo dos profesionais do teatro galego.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación do evento xunto ao concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, e aos representantes da organización e do resto das entidades colaboradoras. Na súa intervención, explicou que o apoio da Xunta aos María Casares baséase tanto no estímulo que este tipo de premios representan para a mellora e o avance profesional, como na súa importancia á hora de darlle visibilidade á profesión.
Sutil trasladoulles os seus parabéns a todos os nomeados e, especialmente, aos integrantes do equipo de Divinas Palabras Revolution, produción propia do Centro Dramático Galego (CDG), que aspira a sete galardóns e se sitúa así entre os espectáculos con máis candidaturas xunto a Commedia, de Contraproducións, con 12; e A leituga, de Emedous, con cinco.
Produción e coproducións do CDG
No caso do CDG, Divinas Palabras Revolution opta aos premios a mellor espectáculo, dirección (Xesús Ron), adaptación-tradución (Manuel Cortés), actriz protagonista (Patricia de Lorenzo), actriz de reparto (Mónica García), escenografía (Suso Montero) e maquillaxe (Fany Bello). Ademais, o director da Agadic tamén fixo referencia ás tres coproducións nas que o ano pasado se implicou a compañía da Xunta e que contan así mesmo con diferentes candidaturas aos María Casares: #Camiños, de ButacaZero, Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, de Pistacatro, e Invisibles, de Redrum Teatro.
O nome dos gañadores irase desvelando no transcurso da gala que dirixirán Juanillo Esteban e Carlos Sante e na que intervirán intérpretes con gran experiencia nas diferentes disciplinas do circo xunto a nomes veteranos do teatro galego. Todos eles contribuirán a desenvolver unha cerimonia dinámica, chea de humor e na que haberá números de portes, clown, teas aéreas, teatro xestual e parodia cómica. No transcurso da mesma, Carlos Santiago lerá o Manifesto Galeo do Día Mundial do Teatro e as aulas de teatro universitario de Vigo e Ourense recibirán o Premio de Honra Marisa Soto.
A gala dará comezo ás 21,00 h. e será retransmitida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia en streaming a través de YouTube, comezando a súa emisión ás 20,30 h para recoller tamén o ambiente da alfombra vermella.