Share

A Agadic colabora coa Fundación Paideia na promoción das bandas emerxentes a través do concurso SonidosMans

Os grupos e/ou solistas gañadores desta terceira edición incluiranse no cartel de oito festivais galegos de música e poderán gravar nos Estudios Mans da Coruña

O prazo de presentación de traballos está aberto ata as 12,00 h. do 1 de abril no web www.sonidosmans.com

A Agadic colabora coa Fundación Paideia na promoción das bandas emerxentes a través do concurso SonidosMans

O concurso para músicos e bandas emerxentes SonidosMans acaba de abrir a convocatoria da súa terceira edición, organizada de novo pola Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O obxectivo é facilitarlles aos grupos e solistas que están a comezar a súa carreira unha plataforma de difusión do seu traballo, incluíndo os gañadores nos carteis de oito destacados festivais galegos e ofrecéndolles a oportunidade de gravar nos Estudios Mans da Coruña.  
O concurso diríxese a artistas e bandas españolas que non teñan editado nin distribuído traballos de xeito comercial. Para participar, deberán presentar un tema orixinal e inédito en letra e música a través do web  www.sonidosmans.com ata as 12,00 h. do vindeiro 1 de abril.
 
Entre os inscritos, un xurado formado pola manager Patricia Hermida e os xornalistas musicais Javier Becerra e Nonito Pereira seleccionará 50 semifinalistas, que pasarán á segunda fase do proceso. Esta desenvolverase entre o 16 e o 30 de abril e dela sairán, mediante votación popular, os 25 finalistas. Destes últimos, un xurado designado por cada un dos festivais colaboradores deste ano decidirá que agrupación formará parte dos seus respectivos carteis: O Son do Camiño (en Santiago de Compostela), PortAmérica (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Sinsal SON Estrella Galicia (Vigo), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa), 17º Ribeira Sacra (diferentes concellos da Ribeira Sacra) e Festival de la Luz (Boimorto).
 
Esta iniciativa, enfocada a poñer en valor e a darlle visibilidade ao talento da mocidade emprendedora no sector musical, enmárcase na liña de colaboración no eido da promoción musical que a Agadic mantén nos últimos anos coa Fundación Paideia Galiza.
Neste sentido, desenvolven tamén unha nova edición das súas xornadas sobre industria musical, que se veñen celebrando desde finais de xaneiro arredor da fotografía, o turismo e a innovación na música en directo. A terceira e última destas sesións terá lugar o vindeiro 28 de marzo na sede da Fundación Paideia na Coruña coa innovación como tema central.

-SonidosMans