Share
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou no Museo de Pontevedra na presentación da cita, que se celebra os días 10 e 11 de outubro

A Xunta apoia o XIX Certame Galego de Bandas de Música que reúne en Pontevedra 17 formacións de Galicia e Portugal

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa Federación Galega de Bandas de Música Populares nun encontro, no que se prevé a participación de arredor de 1.000 músicos e músicas

Esta edición incorpora o modelo de concerto integral, que reforza a creatividade e a identidade artística das bandas, con entrada gratuíta e retransmisión en directo

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López, participaron hoxe na presentación do XIX Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta de Galicia. A cita celebrarase os días 10 e 11 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, no que estarán presentes 17 formacións, dez galegas e sete portuguesas, e arredor de 1.000 músicos e músicas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora con este encontro, que distribuirá as actuacións en cinco seccións —infantil, xuvenil, terceira, segunda e primeira— e contará cun xurado internacional, cuxa composición se dará a coñecer ao inicio do certame. A programación favorecerá o intercambio entre as sociedades musicais de Galicia e Portugal e a difusión do traballo artístico e educativo que desenvolven as bandas durante todo o ano.

A principal novidade desta edición é a incorporación do concepto de concerto integral. Cada banda presentará unha proposta cun fío condutor e unha identidade propia, establecendo unha relación artística ou temática entre as obras do seu programa. As formacións poderán escoller entre diferentes pezas obrigadas para a súa categoría e deberán achegar unha memoria que explique a concepción do concerto.

Este modelo permitirá valorar a actuación como unha experiencia musical global, con maior protagonismo da creatividade, da expresividade e da personalidade de cada formación. As obras obrigadas proceden de anteriores edicións do Concurso Galego de Composición para Banda de Música, conectando a creación contemporánea coa interpretación e a súa difusión nos escenarios.

Dúas xornadas con entrada de balde

O sábado 10 abrirán o certame as seccións infantil e xuvenil, ás 11.00 e ás 12.30 horas, respectivamente. Na infantil participarán a Chikiband de Xinzo de Limia, a Filarmónica Juvenil da Academia de Música da Fortaleza de Valença e a Banda Infantil da Escola de Música de Salvaterra. Na xuvenil actuarán as bandas Juvenil de Monção e Juvenil de Figueiredo.

Ás 17,00 h. será a quenda da sección terceira, coas bandas de Música de Cerdedo, Municipal de Agolada, Xuvenil de Barro, A Lira de Ribadavia e Juvenil do Vale. O domingo 11, ás 10,30 h. competirán na sección segunda a Filarmónica Artística Pombalense, a Banda Musical de Lagares, a Banda de Música Santádega de Coles e a Banda Musical de Fornos.

A sección primeira desenvolverase o domingo ás 16,30 h. horas coa Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda Cultural de Salceda de Caselas e a Banda Unión Musical de Meaño. A clausura e a entrega de premios e diplomas están previstas para as 20.30 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo de 655 persoas e todas as actuacións se gravarán e retransmitirán en directo a través da canle de YouTube da Federación.

A Federación agrupa actualmente 96 bandas e máis de 6.800 persoas federadas, cunha presenza no 29 % dos concellos galegos. O 70,41 % dos seus integrantes son menores de 30 anos, un dato que amosa o papel das bandas na formación musical e no relevo xeracional. A provincia de Pontevedra concentra 56 das formacións federadas e estará representada no certame por sete bandas.