Share

A Xunta apoia o ciclo Orixe, que levará oito citas musicais a seis salas galegas ata marzo de 2027

A programación impulsada por Ernie Producciones reúne once artistas e grupos, entre eles Estrogenuinas, Agoraphobia, Montedapena, Eladio y los Seres Queridos, Monoulious Dop, Taïn ou Carla Lourdes

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia á iniciativa no marco das subvencións para programación musical en salas privadas durante o bienio 2026-2027

O ciclo arranca este sábado 10 de outubro na sala Mardi Gras da Coruña e continuará por Vilar de Santos, Lugo, Vigo, Vilanova de Arousa e Pontedeume

A Xunta de Galicia apoia o ciclo Orixe, unha programación impulsada por Ernie Producciones que desenvolverá entre outubro de 2026 e marzo de 2027 un total de oito citas musicais en seis salas galegas, cun cartel integrado por once artistas e grupos. A iniciativa enmárcase na convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o desenvolvemento de programación musical en salas privadas.

O ciclo arrancará este sábado 10 de outubro na sala Mardi Gras da Coruña, cun concerto compartido por Estrogenuinas e Agoraphobia. A programación continuará o día 17, con Montedapena na Arca da Noe de Vilar de Santos, e o 24, con Eladio y los Seres Queridos, na Sala Jagger de Lugo. Xa en novembro, actuarán Los Acebos e Dani Cornes, o día 6 na Fábrica de Chocolate de Vigo, e Monoulious DOP, o 20 en A Cofradía de Vilanova de Arousa.

Tras a pausa de inverno, Orixe retomará a actividade en febreiro de 2027 con Capital Voskov, o día 5 en A Cofradía e Taïn, o día 12, na Fábrica de Chocolate. O ciclo pecharase o 13 de marzo, na sala Guión de Pontedeume, cunha última cita protagonizada por Carla Lourdes e Javier Lago.

Apoio á música ao vivo nas salas

Orixe é unha das nove programacións incluídas na liña de axudas da Xunta para salas privadas, unha convocatoria que distribúe 358.586 euros para o bienio 2026-2027 e permitirá desenvolver 141 concertos a cargo de 80 artistas e grupos en 16 espazos de Galicia.