A Xunta apoia o labor de FICBUEU na difusión do ámbito das curtametraxes a través das subvencións a festivais audiovisuais
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu recibe unha achega de máis de 20.600 euros para a súa duodécima edición, que terá lugar do 6 ao 14 deste mes
O programa, con máis de 120 filmes, compleméntase con concertos, encontros profesionais, actividades para a infancia e rutas gastronómicas, entre outras citas
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) presentou hoxe o programa da súa duodécima edición, que terá lugar do 6 ao 14 de setembro, e para a que volve contar co apoio da Xunta a través da convocatoria anual de subvencións a festivais do sector audiovisual. A súa carteleira, que inclúe a proxección de máis de 120 filmes galegos, españois e internacionais (dos que 70 son estrea en Galicia), compleméntase cunha ampla oferta de actividades paralelas como concertos, encontros profesionais, propostas para a infancia ou rutas gastronómicas, entre outras.
A cuberta do barco Pirata de Onza, atracado no peirao de Bueu, acolleu hoxe este acto, no que interveu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, xunto ao alcalde Félix Juncal, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, e o director do festival, Manuel Pena.
Sutil detallou que, por cuarto ano consecutivo, o FICBUEU foi adxudicatario das devanditas axudas da Consellería de Cultura e Turismo a festivais audiovisuais, a través das que se lle achegan 20.682 euros para esta edición. A dotación total da convocatoria de 2019 foi de 170.000 euros e dela resultaron beneficiarios outros nove eventos galegos: Play-Doc de Tui, Festival de Cans do Porriño, MICE e Curtocircuíto de Santiago, S8 e FKM da Coruña, Novos Cinemas de Pontevedra e Primavera de Cine e Festival de Cinema Inclusivo de Vigo.
O director da Agadic explicou que estes festivais foron seleccionados por unha comisión independente, valorando a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese cultural, de xeito que este apoio “vén confirmar tanto a calidade da carteleira de exhibición como a profesionalidade da xestión de FICBUEU, ademais da súa contribución á difusión cinematográfica en Galicia”.
Subliñou, así mesmo, o compromiso do festival co audiovisual galego a través da súa sección Galicia R, que amosará as últimas curtas de Arancha Brandón, Khris Cembe, Pedro Sancho, David Fidalgo, Martín Romero e Álvaro Gago, ademais de organizar encontros con Elia Robles, Xacio Baño ou Sergio Frade, e de lle entregar o seu Premio Cinema Galego a Luis Zahera.