Share

A Xunta achégalles aos profesionais do audiovisual as oportunidades do programa europeo MEDIA para a animación e os videoxogos

Profesionais do sector audiovisual galego compartiron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia un encontro con Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España, no que se abordaron especialmente as oportunidades que este programa da Unión Europea lles ofrece aos proxectos de animación e de videoxogos. A cita, organizada pola Xunta como parte do ciclo formativo Galicia ProFilme, contou coa presentación a cargo do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Durante a sesión realizouse un exercicio práctico para medir o potencial de internacionalización de calquera proxecto ou produtora, ademais de explicarse como poder colaborar coa fundación cultural MEDIA para optimizar o uso do programa. Incluíu un segundo bloque no que participou a guionista galega Lidia Fraga, quen presentou a nova plataforma de networking en liña do European Writers Club, proxecto europeo para a escrita audiovisual do que a Xunta de Galicia é membro fundador e actual socio estratéxico.