Share

O Centro Dramático Galego e o colectivo portugués Asta Teatro traen a Galicia a súa coprodución sobre Rosalía de Castro

A unidade teatral da Xunta, o Salón Teatro de Santiago, acolle tres funcións de rosalía, cartografía de ásperas ortigas. desde mañá e ata o luns

O compostelán Roberto Salgueiro dirixe e asina a dramaturxia deste proxecto arredor do pensamento e o legado da poeta padronesa

A unidade teatral da Xunta de Galicia e o colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes presentan na Comunidade a súa coprodución rosalía, cartografía de ásperas ortigas. con tres funcións no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse entre mañá e o luns.

Con dirección escénica e dramaturxia do compostelán Roberto Salgueiro, as dúas compañías contan igualmente coa implicación do tamén portugués Cine-Teatro Avenida de Castelo Branco para ofrecer unha proposta teatral actual que reflicte o pensamento e o legado da poeta padronesa. Así, a partir de textos e, sobre todo, versos da escritora tomados de Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar, construíuse unha obra propia que afonda na transcendencia da autora.

Antía Cortegoso, Sérgio Novo, Alberto Medeiros e Marta Casais conforman o elenco galego-portugués que leva a escena este espectáculo, asentado así mesmo no espazo sonoro creado por varios instrumentos, as coreografías e unha escenografía cuberta de flores.       

Despois da súa estrea en Portugal, onde puido verse xa en Castelo Branco, Covilhã e Gouveia, o equipo regresa á sede do Centro Dramático Galego, entidade dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que xa acollera parte dos ensaios en xaneiro, para compartir co público galego o resultado deste traballo.

Con tal motivo e grazas ao apoio do Camões - Centro Cultural Português en Vigo a través dunha nova edición do programa Quintas do Camões, o luns 28 de abril habilitarase un servizo de autobús gratuíto para asistir á función desde Vigo (ida/volta), con paradas en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

Venda de entradas

Os tres pases de rosalía, cartografía de ásperas ortigas. están programados para mañá sábado e o luns ás 20,30 h., e para o domingo ás 18,00 h. A venda en liña das entradas está activada na web entradas.ataquilla.com, mentres que no despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirise os días de función desde dúas horas antes do comezo.

Con este proxecto, a unidade teatral da Xunta de Galicia continúa a impulsar e participar en proxectos compartidos con compañías e profesionais do país veciño, nunha ampla e intensa actividade común da que forman parte nos últimos anos espectáculos como Frágua de amor, Territórios de liberdade, Entrepalav-bras, Na hora dos cans, Ifixenia ou Manuela Rey Is In Da House.