A Xunta aborda coa Asociación Escena Galega as novas bases das axudas para a creación que rexerán en 2025
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, mantivo unha reunión coa presidenta da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas - Escena Galega, Patricia de Lorenzo, para abordar o contido da vindeira convocatoria da liña de subvencións á creación escénica que rexerá para a produción de espectáculos galegos de teatro, danza, circo e maxia durante 2025.
Na xuntanza entre o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade sectorial, na que tamén participou o seu xerente, Diego V. Meizoso, tratouse en concreto a posibilidade de incrementar a dotación destinada a proxectos escénicos plurianuais, unha modalidade que contribúe especialmente ao desenvolvemento de planificacións teatrais a máis longo prazo e a manter as estruturas empresariais galegas do eido cultural. Tamén serviu para repasar o estado de iniciativas e proxectos conxuntos, como o circuíto Camiño Escena Norte, a feira de artes escénicas Galicia Escena PRO ou do convenio de colaboración asinado para levar a cabo accións de estímulo, formación e capacitación para o sector escénico profesional galego.