A carpa de ‘Circo de Pinocho’ instálase en Redondela para acoller as primeiras 10 funcións do espectáculo
A última montaxe da compañía galega estréase o venres 4 de outubro e permanecerá no recinto do aparcadoiro da Marisma ata o día 13
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe á materialización do proxecto a través das subvencións á creación escénica
Educateatro Producións sae dos teatros para estrear Circo de Pinocho, o seu novo espectáculo en formato carpa. Trátase do proxecto de maior envergadura da compañía e está apoiado pola Xunta de Galicia a través das subvencións á creación escénica na convocatoria deste ano. Dirixido a público familiar, o espectáculo estréase o venres 4 de outubro, ás 18,30 horas, na instalación acondicionada no aparcadoiro da Marisma de Redondela, onde ofrecerá dez funcións ata o día 13 do próximo mes para iniciar despois unha xira por outras localidades galegas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación levada a cabo esta mañá xunto a Xandre Vázquez, produtor, e a Paulo Medal, director de escena e creador musical, nun acto que tivo lugar na propia carpa circense montada ex profeso para este proxecto e no que tamén interveu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
Reto escénico e empresarial galego
Nas súas declaracións, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a traxectoria de captación de novos públicos e a capacidade emprendedora a nivel empresarial de Educateatro por asumir o reto deste novidoso formato no ámbito escénico galego. Tamén se referiu ao talento que no eido das disciplinas circenses posúe o colectivo galego dedicado a esta arte desde unha óptica contemporánea, como é o caso agora de Circo de Pinocho, “unindo a literatura clásica universal en versión galega coas artes interpretativas do xénero para compoñer unha proposta que ha de sorprender a toda a familia”, expresou.
Jacobo Sutil defendeu, así mesmo, os obxectivos da liña de subvencións á creación escénica que cada ano convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais, polas que neste 2024 se contribuíu cun total de 800.000 euros á produción dos novos espectáculos de 29 compañías galegas. A Xunta distribúe esta dotación entre 15 propostas de teatro, maxia e novo circo, sete de empresas de recente traxectoria e cinco pezas de danza e artes do movemento, ademais de incluír dúas formacións beneficiarias na modalidade de proxectos plurianuais.
Pinocho soña con montar un circo
O equipo creativo e o elenco de Circo de Pinocho componse maioritariamente por artistas galegos. A montaxe, creada unicamente para representarse en carpa, combina o teatro musical cunha escolma dos números máis tradicionais do circo, empregando como fío conductor a Pinocho, un dos personaxes máis coñecidos da literatura universal.
Durante as case dúas horas de función, o público acompañará o boneco de madeira no seu soño de montar un circo. Para iso, Gepetto construirá outros monicreques que, coa maxia da Fada Mimadriña, se volverán de carne e óso para ofrecer números de corda frouxa, malabares, suspensión capilar, acrobacias ou trapecio, acompañados por unha banda sonora orixinal integrada por 20 temas musicais compostos para o espectáculo. Inesperadamente, o feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira. Coa axuda de Pepiño Grilo, terá que atopar á Fada para reverter o conxuro.
Circo de gran formato
Con Circo de Pinocho, Educateatro presenta o seu espectáculo máis ambicioso, apostando polo gran formato nunha carpa climatizada con capacidade para 450 persoas en butacas individuais. Ademais, haberá un espazo con servizo de cafetaría e instalacións adaptadas para cadeiras de rodas.
A partir da estrea absoluta do venres 4 de outubro, a compañía ofrecerá outras nove representacións os días 5, 6, 11, 12 e 13. Os venres terá lugar un único pase ás 18,30 h., mentres que haberá función dobre os sábados (17,00 h. e 19,00 h.) e os domingos (12,00 h. e 17,00 h.). As entradas xa se poden adquirir na web www.circodepinocho.gal e, de non esgotarse previamente, tamén no despacho de billetes da propia carpa desde unha hora antes de cada función.